Vimianzo acollerá o 11 de xaneiro a única proba de Dúatlon Cross de Galicia no 2026
Trátase da 17ª edición do Dúatlon de Reis, unha proba consolidada no calendario para os centos de corredores e corredoras que comezan o ano cunha competición de primeiro nivel
Vimianzo, 20 de decembro de 2025 — O Concello de Vimianzo presentou esta mañá a 17ª edición do Dúatlon de Reis, que se celebrará o domingo 11 de xaneiro de 2026 na parroquia de Salto e será a única proba de dúatlon cros que se celebre en Galicia ao longo do ano.
No acto de presentación participaron Mónica Rodríguez, alcaldesa do Concello de Vimianzo; Sergio Miñones, concelleiro de Deportes; Víctor Santos, técnico municipal desta área; Gustavo Álvarez, en representación da Federación Galega de Tríatlon.
Como xa é habitual, haberá dúas distancias: a SuperSprint, que sairá ás 9:30 horas, e a Estándar, cuxa saída será ás 11:30 horas. Na primeira inclúense o Campionato Galego en distancia Supersprint para as categorías cadete, xuvenil e junior e a proba popular; na segunda o Campionato Galego en distancia estándar e a proba de relevos.
O percorrido será o mesmo que nos últimos anos, mantendo un trazado xa coñecido para aqueles que ano tras ano repiten na competición. A organización ofrecerá servizo de gardarroupas, lavado de bicicletas e duchas, así como o tradicional chocolate e roscón de Reis ao remate da xornada.
Durante a presentación, o concelleiro de Deportes, Sergio Miñones, salientou a relevancia desta cita no calendario galego, cualificándoa como unha proba “ineludible para os centos de corredores e corredoras que cada ano se achegan ata Vimianzo para comezalo cunha proba deportiva de primeiro nivel”.
As inscricións xa están abertas e poden formalizarse a través da páxina web da Federación Galega de Tríatlon.



