DISCRETO PAPEL DE IVÁN RAÑA NO CAMPIONATO DO MUNDO DE IRONMAN EN HAWAI

12 de Outubro de 2014

Iván Raña rematou nunha discreta 17ª posición no Campionato do Mundo de Ironman, que se celebrou onte na isla de Kona (Hawai).  O galego, que partía coma un dos favoritos, fixo un pésimo sector de bicicleta que rematou con todas as súas opcións de loitar polo podio. Fixo unha boa natación e un espectacular segmento de carreira a pe.

Iván viaxaba con moitísimas ilusións a Kona, despois dunha tempada de preparación pensando nesta proba. Ademais a vitoria en Klagenfurt (Austria) amosaba que estaba a facer as cousas ben. Así, aparecía en todas as quinielas de favoritos.

Comezou a proba cunha boa actuación na natación (3,8 quilómetros). Saíu da auga cun tempo de 51:56, no grupo de cabeza e sen perder apenas tempo cos primeiros. Pero algo sucedeu na bicicleta, xa que aí perdeu moitísimo tempo e acabou coas súas opcións de loitar polo podio. Fixo os 180 quilómetros nun tempo de 4:58:10, mentres que o máis rápido neste sector (o alemán Sebastian Kienle, que foi o gañador da proba) fixo un parcial de 4:20:46. É dicir, case corenta minutos menos que Iván, que entrou na 37ª posición na T2. O tempo final de Raña foi de 08:38:59.

Na carreira a pe (42,2 quilómetros) o galego amosou que se atopaba nun momento de forma excepcional e remontou posicións, pero xa non había opcións de loitar polos primeiros postos. Raña foi o mellor do segmento cun tempo de 02:44:38, mentres que o segundo máis rápido foi Jan Frodeno (a uns tres minutos), que logrou a medalla de bronce tras unha impresionante remontada (sufriu unha picada na bicicleta e unha sanción de penalti box).

O podio do Mundial de Ironman estivo formado por Sebastian Kienle (Alemaña) cun tempo de 08:14:18, a prata foi para Ben Hoffman (USA, 08:09:23) e bronce para o alemán Jan Frodeno (08:20:32).

Iván Raña deu o salto á longa distancia a pasada tempada e na súa primeira participación no Mundial (Hawai 2013) logrou unha magnífica sexta posición cun tempo total de 08:23:43.

As distancias do Ironman son de 3,8 quilómetros de natación, 180 quilómetros de bicicleta e 42,2 quilómetros de carreira a pe e na proba de Hawai participaron un total de 2.195 deportistas.

Quizáis che interese…