Pontevedra, 29 de setembro de 2026. A cidade de Pontevedra volveu consolidarse como unha das grandes capitais mundiais do tríatlon tras acoller durante cinco xornadas a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon (WTCS) e diversos Campionatos do Mundo, reunindo a milleiros de deportistas procedentes de máis dun cento de países. O evento, que converteu novamente a cidade galega no epicentro internacional deste deporte, estivo marcado por un extraordinario ambiente tanto nas rúas como nas zonas de competición.
A actividade arrancou o mércores coa cerimonia de apertura e o tradicional desfile de nacións, un acto multitudinario que encheu o centro histórico de cor e ambiente festivo, dando a benvida a deportistas, técnicos e afeccionados chegados de todo o mundo.
Os júnior abriron a competición
A competición deportiva comezou o xoves coas probas júnior. Na categoría feminina destacou a actuación da galega Candela Sánchez, que asinou unha brillante cuarta posición, quedando ás portas do podio tras unha gran remontada na carreira a pé. A vitoria foi para a húngara Fanni Szalai, mentres que as suízas Anouk Danna e Kimey Casanova completaron o podio.
Na proba masculina, Damián Suárez, do Club Deportivo Delikia, finalizou na 13ª posición, mentres que o seu compañeiro Lucas García concluíu no posto 35. Ambos completaron unha sólida actuación fronte a algúns dos mellores talentos novos do panorama internacional.
Durante a xornada tamén se disputou o Campionato do Mundo de Tríatlon de Grupos de Idade en distancia sprint, cunha elevada participación internacional.
Susana Rodríguez suma un novo título mundial
O venres foi a quenda do Campionato do Mundo de Tríatlon Paralímpico. A gran protagonista para o deporte galego volveu ser Susana Rodríguez, que xunto á súa guía Sara Pérez conquistou o seu oitavo título mundial, ampliando así unha traxectoria deportiva excepcional e reafirmando a súa condición de referente internacional do paratríatlon.
A xornada tamén acolleu as competicións sub-23. Na categoría masculina, o galego Andrés Prieto, do Club AD Fogar, acadou unha destacada 16ª posición, mentres que Jarno Pousada, do Cidade de Lugo Fluvial, rematou no posto 30.
Os grupos de idade e a elite feminina toman o protagonismo
O sábado continuou a actividade co Campionato do Mundo de Grupos de Idade en distancia estándar (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pé), ademais do Campionato do Mundo de Aquabike.
Pola tarde chegou un dos momentos máis agardados do campionato coa disputa da Gran Final elite feminina. A francesa Cassandre Beaugrand ofreceu unha actuación dominante para impoñerse na proba e proclamarse campioa do mundo das Series Mundiais de Tríatlon 2026. A competición volveu demostrar o altísimo nivel do circuíto internacional e ofreceu un gran espectáculo aos milleiros de afeccionados presentes en Pontevedra.
Entre as representantes galegas destacou a triatleta do Náutico de Narón, que logrou unha meritoria 17ª posición, asinando ademais o seu mellor resultado ata a data nunha proba das Series Mundiais.
Un domingo de remudas e peche da tempada mundial
A xornada final arrancou o domingo pola mañá coas probas de remudas mixtas, tanto de tríatlon paralímpico como das categorías júnior e sub-23, ademais das remudas de grupos de idade. O equipo español conseguiu subir ao podio nunha mañá marcada pola emoción e o traballo colectivo, acadando a terceira posición.
Pola tarde disputouse a agardada carreira elite masculina, encargada de pechar oficialmente o campionato e a tempada internacional. O galego Antonio Serrat, do Cidade de Lugo Fluvial, concluíu na 35ª posición despois de realizar un importante esforzo durante o segmento ciclista para colaborar na persecución do grupo dianteiro. Ese desgaste acabou pasándolle factura na carreira a pé, onde non puido manter o ritmo dos principais favoritos.
O podio da proba estivo encabezado polo australiano Matthew Hauser, que se impuxo ao sprint. A segunda posición foi para o portugués Vasco Vilaça, mentres que o bronce recaeu no británico Alex Yee, que volveu demostrar a súa calidade na carreira a pé, asinando un parcial de 28:46. O título mundial das Series Mundiais foi finalmente para Vasco Vilaça.
Co peche da competición, Pontevedra volve demostrar a súa capacidade organizativa e a súa estreita vinculación co tríatlon internacional, consolidándose como unha sede de referencia para a celebración de grandes eventos deportivos e deixando unha excelente imaxe entre deportistas, federacións e afeccionados de todo o mundo.
Resultados destacados dos grupos de idade
A participación galega nas competicións de grupos de idade deixou excelentes resultados ao longo da semana, con varios podios tanto nas probas individuais como nas competicións por remudas.
Distancia Sprint
- 🥇 Samuel Fernández Vázquez (Cidade de Lugo Fluvial) – Campión do Mundo na categoría AG 18-19.
- 🥈 Emilio Tizón Valverde (Club Deportivo Delikia) – Subcampión do Mundo na categoría AG 35-39.
Distancia Estándar
A representación galega tamén contou cunha ampla participación na distancia estándar (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pé), celebrada durante a xornada do sábado.
- 🥈 Ramón Troncoso Sobrino (Club Deportivo Delikia) – Subcampión do Mundo na categoría AG 45-49.
- 🥉 Miguel Daporta Méndez (Club Olímpico de Vedra) – Medalla de bronce na categoría AG 45-49.
- 🥉 Pedro Pablo Bernárdez Ferreirós – Medalla de bronce na categoría AG 50-54.
Campionato do Mundo de Aquabike
- 🥈 Iván Rubio Rubira (AD Náutico de Narón) – Subcampión do Mundo na categoría AG 50-54.
- 🥉 José Luis Santomé Collazo (NosportLimit) – Medalla de bronce na categoría AG 45-49.
Remudas Mixtas
O domingo, na competición de remudas mixtas de grupos de idade, o equipo formado por Alba Porto López, Mateo Bouzón Blanco, Leire García Pico e Juan Bouzón Blanco do club Triatlon Atlantico acadou a medalla de prata na categoría 60-79, poñendo o broche de ouro á destacada actuación galega no campionato.



