Abraham Castellanos (Tríatlon Arteixo) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon) proclamáronse hoxe vencedores do IV Duatlón Concello de Noia, no que participaron case douscentos deportistas. Esta proba foi a primeira do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada.
Na categoría feminina, comezou mandado na proba Priscila Suárez (Tríatlon Ferrol), que dominou a primeira carreira a pe, pero na bicicleta foi alcanzada e superada por Verónica Montes. No último segmento, a líder da proba só tivo que administrar a súa vantaxe para chegar con comodidade á meta na primeira posición (1:13:30). O segundo posto foi para Priscila Suárez (1:16:06) e o terceiro para Mar Villar (Trinorth-Nogasa, 1:17:00).
Na proba masculina, os mexicanos do Tríatlon Arteixo Abraham Castellanos e César Saracho tiveron moito protagonismo, sempre colocados nas primeiras posicións. E foi no sector da bicicleta no que se decidiu o podio. Abraham Castellanos logrou marcharse en solitario, para enfrontar o resto da proba sen rivais. Mentres, por detrás Brais Misa (Atletismo Porriño) tamén logrou facer unha moi boa bicicleta que lle permitiu enfrontar o terceiro segmento na segunda posición. E xa foi quen de manter as distancias ata o final da proba. Desta forma o podio do Duatlon de Noia quedou formado por Abraham Castellanos (primeira posición, 1:00:09), Brais Misa (2º, 1:01:15) e César Saracho (3º, 1:01:21).
Tamén podemos destacar a participación da paratriatleta Susana Rodríguez, quen deu inicio a súa tempada en Noia. Unha tempada especial para ela xa que está en xogo a clasificación para os Xogos Paralímpicos de Río.
O Duatlón de Noia celebrouse sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe) e descorreu polo Paseo Marítimo de Noia, nunha tarde bastante desapracible pola chuvia.
O resto dos gañadores doutras categorías son:
- Cadete: Mariña Ramos (GV Sports Club) e Manuel Rey (Tríatlon Compostela).
- Júnior: Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse).
- Sub 23: César Saracho (Tríatlon Arteixo).
- Veterán 1: Verónica Mon (Beariz Tríatlon) e Elpidio Gómez (Beariz Tríatlon).
- Veterán 2: Andrés López (Monte Abaixo).
- PT6 B1: Susana Rodríguez Gacio (Cidade de Lugo Fluvial).
- Clubs: GV Sports Club (feminino) e Tríatlon Arteixo (masculina).
O Circuíto Galego de Duatlón de Estrada 2015 está formado por tres probas. A primeira é a de Noia; a segunda terá lugar o 7 de marzo en Guitiriz e a terceira é o Duatlón Concello de Lugo (22 de marzo). Todas son clasificatorias para o Campionato Galego (logran praza os 30 primeiros clasificados), que terá lugar en Santiago o 18 de abril.