Arcade Inforhouse (categoría masculina) e G.V. Sports (categoría feminina) proclamáronse hoxe en Vedra campións galegos de Duatlón na modalidade de contrareloxo por equipos. Son os primeiros campións galegos nesta modalidade, que se estreou no día de hoxe cunha altísima participación (55 equipos e máis de 300 duatletas).
Na categoría feminina, triunfo contundente do G.V. Sport de Pontevedra cun tempo de 1:16:48, mentres que o subcampionato foi para o Arcade Inforhouse de Santiago a máis de tres minutos (1:19:53). Na terceira posición do podio situouse o NosportLimit-Trek Galicia a escasos segundos (1:20:00).
Na proba masculina, cunha altísima participación, houbo unha dura loita por acadar o triunfo. Finalmente, proclamouse campión galego o Arcade Inforhouse de Santiago cun tempo de 59:09. A segunda posición foi para o club de Ribeira, o Artrogal Tri-498 (1:00:39), mentres que o bronce foi a parar a mans do Monte Abaixo pontevedrés (1:01:06).
A proba descorreu con total normalidade nunha tarde soleada aínda que fría e con moito público durante o percorrido, que puido gozar dunha proba ata agora descoñecida, xa que era o primeiro campionato galego que se celebraba.
Nesta modalidade de contrareloxo, os equipos (formados por entre 4 e 6 deportistas) van saíndo de xeito escalonado cada minuto, e teñen que disputar a proba agrupados en todo momento. Ao final conta en meta o tempo do cuarto integrante do club, tras completar un recorrido de 5 quilómetros a pe, 20 en bicicleta e 2,5 quilómetros a pe novamente.