ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE A PROBA DE MACEDA DO PROGRAMA “XOGADE” DE DUATLÓN ESCOLAR

19 de Marzo de 2015

Este domingo 22 marzo celebrarase a proba clasificatoria de Maceda do programa “Xogade” de Duatlón Escolar 2015, coa participación de 53 deportistas.

A proba, organizada polo Club Ciclista Maceda e a Federación Galega de Tríatlon, celebrarase no contorno do campo de fútbol de Maceda. As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil, 1,5 quilómetros de carreira,  6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.

O programa está formado por sete probas locais (dúas por provincia menos en Ourense) que son clasificatorias para as provinciais, de onde sairán os participantes na final galega. Nas probas zonais clasifican os 25 mellores por categoría e sexo e nas provinciais lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.

Quizáis che interese…