Magníficos resultados para o tríatlon galego na Copa de Europa de Tríatlon de Melilla. Na categoría masculina, dous galegos lograron subir ao podio: Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) foi prata e Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo), bronce. Ademais, hai que destacar a sétima posición de Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), que estivo toda a proba nas primeiras posicións.
Na categoría masculina, espectacular actuación dos nosos que ademais foron os animadores da proba, xa que no inicio da bicicleta atacaron e romperon a carreira. Formouse un quinteto formado por tres membros do Grupo de Alto Rendemento do CGTD e por tanto compañeiros de adestramento (Antonio Serrat, Ricardo Hernández e o venezolano Luismi Velázquez), un italiano e un inglés. Este grupillo traballou moito e ben e logrou chegar á T2 con 1:15 de distancia sobre o grupo principal, no que se atopaban entre outros Uxío Abuín e Gordon Benson.
Pero o esforzo realizado na bicicleta tivo as súas consecuencias despois. Só Antonio Serrat, que comezou o último tramo de carreira a pe na primeira posición, aguantou ata o final. Correu en solitario ata o quilómetro 6, no que foi pillado polo británico Gordon Benson (actual campión de Europa sub 23). Permaneceron xuntos ata o quilómetro 9, no que Benson atacou e o vigués xa non tivo folgos para responder. Así, ouro para Benson (01:53:49), excepcional prata para Antonio Serrat (01:53:55) no seu primeiro ano na elite e bronce para un Uxío Abuín (01:54:08) que fixo unha gran remontada e logrou o segundo mellor parcial da carreira a pe. Pola súa banda, Ricardo Hernández acusou o esforzo realizado no tramo final e perdeu posicións: Foi 13º (01:55:58). Luismi Velázquez retirouse.
Categoría feminina. Foi a primeira das probas en realizarse, a partir das tres da tarde e con Melina moi ben situada dende o inicio. A galega logrou meterse na escapada do día da bicicleta xunto a tamén española Ana Godoy, e así chegaron á segunda transición en cabeza. Melina e Ana foron as primeiras en abandonar a T-2 e comezaron mandando na carreira a pe. Pero estes dez quilómetros se lle fixeron longos a Melina, que non aguantou en cabeza, aínda que si tivo a forza suficiente para meterse no top 10, con esa magnífica sétima posición (02:13:35). Tamén hai que destacar a segunda posición de Ana Godoy (02:11:14), que aguantou ata o final na loita polo triunfo.
A proba celebrouse sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe) e a natación realizouse no mar Mediterráneo.
www_triathlon_org_results_result_2015_melilla_etu_triathlon elite fem www_triathlon_org_results_result_2015_melilla_etu_triathlon elite masc