AVIAMÁN CELEBRARÁ O DOMINGO 14 DE XUÑO A SÚA CUARTA EDICIÓN

11 de Xuño de 2015

O domingo 14 de xuño terá lugar a cuarta edición de Aviamán coa participación de 120 deportistas. Esta é a primeira proba de tríatlon de media distancia que se disputou en Galicia e destaca polo duro percorrido de ciclismo.

 

A proba, patrocinada pola Deputación de Ourense e organizada por Beariz Tríatlon, celebrarase entre os municipios de Castrelo de Miño, Leiro e Avión, e ten uns percorridos moi exixentes, sobre todo o sector de bicicleta. Os participantes terán que facer 1.200 metros de natación no río Avia (que da o nome á proba), en principio de augas tranquilas e case sen correntes, pero frías polo que será obrigatorio o uso do neopreno. O máis duro chegará despois, xa que as e os triatletas deberán realizar 65 quilómetros en bicicleta, nun percorrido con 1.700 metros de desnivel e unha paisaxe especular. E xa por último, 14 quilómetros de carreira a pe, un sector suave que descorrerá principalmente (80%) sobre terra e sempre xunto ao río. A saída está prevista para as 09:00 horas dende a praia fluvial de Leiro.

 

Desta forma, na categoría feminina podemos destacar a Lorena García (Mar de Vigo), Blanca Lavandeira (Mar de Vigo) e Priscila Suárez (Tríatlon Ferrol), que están afeitas a estas distancias e ao sufrimento que levan consigo. Na proba masculina os favoritos para lograr o triunfo son Cristóbal Dios (Tríatlon Arteixo), Enrique Morán (Atletismo Porriño), Alexandre Rodríguez (Tríatlon Morrazo) e Jorge Arufe (Club Ciclista de la Fuente).

 

Resultados 2013. Iván Cáceres e Lucía Pérez proclamáronse gañadores do Aviamán 2013, no que participaron máis de 100 deportistas. No 2014 non se celebrou a proba.

 

Quizáis che interese…