O domingo 20 de setembro celebrarase o IX Tríatlon da Amizade, que será ademais o Campionato Galego de Tríatlon Cross, nunha proba que se celebra dende hai nove anos entre Galicia e Portugal, coa organización alterna das federacións respectivas, e que tamén inclúe un Tríatlon de Menores. Nos dous últimos anos, Portugal logrou o Trofeo da Amizade, que permaneceu no Concello de Vila Nova de Cerveira exposto durante o ano.
Coma nas edicións anteriores, a inscrición é moi numerosa (preto de 200 deportistas en todas as categorías) e entre os participantes podemos destacar a María Martínez (Atletismo Porriño) ou Blanca Lavandeira (Mar de Vigo) na categoría feminina. Na masculina, magnífica participación con homes tan destacados coma Diego Paz (Arcade Inforhouse), Cristóbal Dios (Tríatlon Arteixo), Brais Misa (Atletismo Porriño) ou Fabián Ubeira (Asoc. Deportiva CAR), este último actual campión galego de Tríatlon Cross.
Ás 11:30 horas (hora galega) terá lugar o IX Tríatlon da Amizade para as categorías menores (benxamín, alevín, infantil e cadete). Ás 15:45 horas (hora galega) celebrarase o tríatlon para adultos.
A proba iniciarase en Goián e faranse 750 metros de natación cruzando o río; despois haberá 20 quilómetros en bicicleta de montaña polos arredores do Castelo de Lobelhe, e para rematar 5 quilómetros de carreira a pe polos arredores do Castelo de San Lorenzo (Goián).
Resultados 2014. Tiago Maia (Sport Lisboa e Benfica) e Rita María Lopes (Amiciclo Grándola) proclamáronse campións a nivel individual do VIII Tríatlon da Amizade, que se celebrou entre Galicia e Portugal, con final en Vila Nova de Cerveira. O Trofeo da Amizade foi parar a mans de Portugal por segundo ano consecutivo. Conxuntamente celebrouse o Campionato Galego de Tríatlon Cross, resultando campións galegos desta especialidade Fabián Ubeira (Motobike) e Príscila Suárez (Trinity Tríatlon).