Máis de mil deportistas participarán esta fin de semana (20 1 21 de febreiro) no primeiro Campionato de España de Dúatlon por clubs, que se celebrará en Boiro. De destacar a enorme participación de clubs galegos en todas as categorías.
Hoxe tivo lugar o acto de presentación do torneo en Boiro coa participación do alcalde da localidade, Juan José Dieste; o vicepresidente da Federación Galega de Tríatlon, Luis Piña; e o director de competicións da Federación Española, Jorge García. O máximo mandatario de Boiro destacou o retorno que recibirá a localidade deste evento “dez veces o da inversión realizada”, mentres que o representante da Federación Galega insistiu no importante que é para os clubs galegos competir en casa tanto polo aspecto deportivo e económico.
O sábado 20 celebraranse as probas de Promoción, cunha enorme participación galega e a proba popular (17:40 horas) con 175 deportistas inscritos de 24 clubs galegos. En Promoción feminina (15:00 horas) participarán tres clubs galegos (NoSport Limit, Mar de Vigo e Tri-Penta Terras de Lugo), mentres que na masculina (16:20 horas) hai 10 equipos galegos (Tríatlon Ferrol, Tríatlon Arteixo, Natación Riveira, NoSport Limit, Artrogal-TRI 498, Club Tríatlon Coruña, Mar de Vigo, Tri- Penta Terras de Lugo, Atletismo Porriño, Motobike de Pontevedra).
O domingo 21 será o momento para a disputa das probas da Primeira e Segunda División nas categorías masculina e feminina. Na primeira División Masculina (13:30 horas) participarán dez equipos, co Arcade entre os inscritos, mentres que na feminina (12:00 horas), tamén con dez equipos, o participante galego será o Cidade de Lugo Fluvial.
En Segunda División, o Arcade Inforhouse e o Olimpico de Vedra serán os representantes galegos na categoría feminina (10:30 horas) e o Cidade de Lugo e Olimpico de Vedra na masculina (09:00 horas).
Esta proba será a primeira xornada da Liga Nacional de Clubs e a formación das diferentes división realizarase en base á devandita Liga. Os equipos estarán formados por un máximo de 10 deportistas e un mínimo de 8 (Primeira División) e de 6 (Segunda e Promoción). As distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 18,8 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe, e a clasificación realizarase sumando os puntos que aportará cada deportistas do club polo seu posto na liña de meta.