CIDADE DE LUGO FLUVIAL, PRATA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON POR EQUIPOS

23 de Abril de 2016

O Cidade de Lugo Fluvial proclamouse hoxe en Soria subcampión de España de dúatlon por equipos nunha dura loita co Diablillos de Rivas.

As galegas lograron ir por diante no primeiro segmento de carreira a pe, pero na bicicleta o Diablillos remontou e conseguiu superalas, e xa manter a distancia no terceiro e último segmento. Así, o triunfo foi para o Diablillos cun tempo final de 01:24:09, mentres que segundo foi o Cidade de Lugo Fluvial (01:24:25) e bronce foi Tríatlon Clavería Móstoles.

Nesta categoría tamén participaban o Arcade Inforhouse (11º) e o Olímpico de Vedra (25º).

Este foi o mellor resultados de clubs galegos no transcurso do Campionato de España de Dúatlon por equipos que se celebrou hoxe en Soria. Na categoría masculina, o Cidade de Lugo Fluvial foi sexto (01:12:35), mentres que o Arcade tamén logrou entrar no top-ten (9º). Hai que recordar que neste campionato participaron un total de 99 equipos.

Esta proba disputouse sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). Cada equipo está formado por entre 4 e 6 integrantes, que teñen unha saída individualizada por club e o tempo queda marcado polo cuarto integrante que chega á meta.

No día de hoxe tamén se celebraron as probas Open (masculino e feminino) e o Escolar (masculino e feminino). No Escolar masculino podemos destacar o quinto posto do Cidade de Lugo, o noveno do Tríatlon Ferrol, Olímpico de Vedra (11º), Talleres David Tríatlon Compostela (15º) e Arcade Inforhouse (20º). Na categoría feminina escolar, o mellor resultado foi para o Arcade, que chegou a meta na 12ª posición.

Resultados

Mañá 24 de abril ,a partir das 9:00 horas,  disputarase o Campionato de España de dúatlon por relevos, e tamén se celebrará en elite, open e escolar. Neste torneo os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno dúatlon (2 quilómetros de carreira a pe, 5,3 quilómetros de bicicleta e 1 de carreira a pe).

Quizáis che interese…