ANTONIO SERRAT, VIXÉSIMO NO CAMPIONATO DO MUNDO SUB 23 DE TRÍATLON

16 de Setembro de 2016

O galego Antonio Serrat rematou na vixésima posición no Campionato do Mundo sub 23 que se celebrou esta madrugada en Cozumel. O vigués foi un dos protagonistas da proba, sempre en cabeza, pero no segmento de carreira a pe, cando ía segundo, sufriu flato o que lle impediu loitar polo podio, nunha proba que estivo marcada polas altísimas temperaturas e a enorme humidade existente.

A organización decidiu retrasar en hora e media o inicio da proba polas condicións meteorolóxicas. Aínda así, a calor e a humidade resultaban insoportables para os deportistas, que sabían que tiñan que hidratarse ben. O primeiro segmento, a natación, foi moi duro, con moitos golpes. Antonio chegou moi ben colocado á primeira aboia, pero nese intre foio agarrado e perdeu algúns segundos. Desta forma, saíu da auga na posición 24 a uns 20 segundos do primeiro clasificado, e non entrou no primeiro grupo duns dez homes que se formou na bicicleta.

Sabía que tocaba traballar e así o fixo para poder alcanzar aos que ían por diante, e na terceira volta xa formaba parte do grupo de cabeza, que, iso si, era moi numeroso, de case 40 unidades.

Pero Serrat non se limitou a estar no grupo, sempre foi protagonista. Ía nas primeiras posicións tirando e incluso tentou unha escapada na sétima volta, pero non contou coa colaboración de ningún triatleta e o pelotón puido alcanzalo cando comezaba a última volta. E aí xurdiu a escapada definitiva. Catro deportistas (Jorik Van Egdom, Sylvain Fridelance, Ryousuke Maeda e Shiruba Taniguchi) atacaron e lograron chegar a T2 cunha vantaxe de case 40 segundos sobre o grupo principal, no que estaba Antonio.

A carreira a pe sería decisiva, sobre todo por saber como ían acusar os participantes as altas temperaturas. Ademais, Antonio aínda arrastraba molestias nun pe, lesión que o tivo varias semanas sen poder adestrar a carreira. No inicio as sensacións do vigués foron espectaculares. Na primeira volta (2,5 quilómetros) logrou recortar dez segundos e ía na segunda posición, aparentemente moi forte. Pero chegou o flato. Na segunda volta, Serrat comezou a sentir unha forte dor abdominal e perdeu tempo moi rápido na segunda e na terceira volta, nas que apenas podía correr. Así foi caendo na clasificación e cando por fin comezou a sentirse un pouco mellor (última volta) xa non tiña marxe para recuperar o tempo perdido. Desta forma, rematou na 20ª posición cun tempo de 01:56:42.

O título de campión do mundo sub 23 foi para o holandés Jorik Van Egdom (01:52:39), que fixo todo o último segmento en solitario. A prata foi para o brasileiro Manoel Messias  (01:53:00) e o bronce para o húngaro Bicsák Bence (01:53:02). David Castro, que saíu da auga en cabeza, afundiuse totalmente na bicicleta e non estivo na competición.

Hoxe venres 16 celebrarase o Mundial sub 23 feminino e os Mundiais da categoría júnior, tanto masculino coma feminino. Na categoría júnior feminina están la lista de saída as nosas deportistas Inés Santiago e Carmen Gómez, que non deixan de darnos alegrías. Inés xa participou o pasado ano no Mundial de Chicago e rematou na 13ª posición e este ano no Europeo júnior fo cuarta clasificada. Pola súa banda, Carmen Gómez foi décima no Europeo deste ano. A proba disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe).

E o sábado 17 de setembro será o momento das probas de relevos mixtos das categorías júnior e sub 23, así como da proba feminina da Gran Final das Series Mundiais. O domingo 18 chega o prato forte, a Gran Final masculina na que se decidirá o campión do mundo 2016 coa participación dos nosos Fernando Alarza (con opcións de lograr un posto no podio no Mundial) e Pablo Dapena.

Resultados sub 23

Quizáis che interese…