Espectacular actuación dos triatletas galegos presentes na Copa de África de Agadir (Marrocos). Uxío Abuín acadou a terceira vitoria consecutiva en tres semanas triunfais, mentres que Camila Alonso logrou a primeira posición na categoría feminina, por diante da súa irmá Melina que foi prata.
En elite feminina, Camila e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) estiveron sempre nas primeiras posicións, dende a natación, continuando na cabeceira durante o segmento ciclista nun grupo formado por seis triatletas. Tralo paso pola T2, as irmás Alonso lograron escaparse xuntas pra decidir o triunfo entre elas ao sprint. Finalmente, Camila Alonso chegou á meta na primeira posición cun tempo de 02:10:54, seguida pola súa irmá Melina Alonso en segunda posición (02:10:55). A española Zuriñe Rodríguez logrou a presea de bronce a máis de dous minutos.
Na categoría masculina, Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo) continúa ofrecendo alegrías ao tríatlon galego. Tralos triunfos nas Copas do Mundo de Tongyeong e Miyazaki, hoxe acadou a vitoria na Copa de África de Agadir nun sensacional fin de tempada. Uxío cimentou a súa vitoria na súa regularidade, colocándose entre os primeiros postos dende o tramo de natación o cal lle permitiu estar no grupo cabeceiro do segmento de bicicleta, formado por seis ciclistas, que posteriormente se ampliou ata os 15, ao incorporarse un primeiro grupo perseguidor.
Os dez quilómetros de carreira a pé foron decisivos e unha vez máis Uxío Abuín amosou o seu magnífico estado de forma para impoñerse ao resto de competidores cun tempo final de 1:52:57. O español estivo acompañado no podio polo brasileiro Diogo Sclebin (01:53:10), que acadou a medalla de prata, e o belga Peter Denteneer (01:54:01), bronce.
http://www.triathlon.org/results/event/2016_agadir_atu_triathlon_african_cup