A FEDERACIÓN GALEGA PRESENTA CINCO CANDIDATURAS AOS PREMIOS DO DEPORTE GALEGO 2013

10 de Marzo de 2014

A Federación Galega de Tríatlon e Pentatlón Moderno presentou cinco candidaturas aos Premios do Deporte Galego 2013, convocados pola Secretaría Xeral para o Deporte.

O 2013 foi un ano cheo de éxitos tanto no Tríatlon coma no Pentatlón Moderno, polo que son varias as candidaturas presentadas aos Premios do Deporte Galego. Dende Javier Gómez Noya (campión do mundo 2013) a Aroa Freije (bronce no Europeo cadete de Pentatlón Moderno). As candidaturas son as seguintes:

Candidatura ao mellor deportista masculino: Javier Gómez Noya. Unha vez máis, Gómez Noya volveu a amosar a súa inmensa cualidade e ofreceunos un dos momentos do ano con ese increíble sprint con Jonathan Alistair na gran final de Londres, onde logrou proclamarase campión do mundo, por terceira vez na súa carreira deportiva.

Candidatura á mellor deportista revelación feminina: Aroa Freije. A galega fixo unha espectacular tempada logrando o título de campioa de España cadete en Pentatlón Moderno e o bronce no Europeo da categoría. Ademais foi décima nos Xogos da Xuventude celebrados en Caldas da Raínha (Portugal).

Candidatura ao mellor deportista revelación masculino: Antonio Serrat. O vigués creceu moito nesta última tempada, logrando meterse no top ten tanto no Mundial coma no Europeo Júnior de Tríatlon . Desta forma, foi sétimo no Europeo e noveno no Mundial. Ademais, pese a súa categoría júnior, quedou ás portas do podio absoluto na Copa de Europa de Tríatlon de Quarteira, coa cuarta posición.

Candidatura á mellor deportista feminina con discapacidade: Susana Rodríguez. A galega é xa unha fixa nos podios internacionais. No ano 2013 logrou o terceiro posto no Campionato de Europa de Tríatlon TRI6B, mentres que foi segunda no Campionato do Mundo de Tríatlon e no de Acuatlón. Ademais, logrou o título de campioa de España de Duatlon na súa categoría para deportistas con deficiencias visuais.

Candidatura ao mellor equipo feminino: Wild Wolf Cidade de Lugo. Gañou todas as probas posibles nunha tempada case perfecta. Foi campioa de España absoluta de tríatlon por clubs tanto na distancia sprint coma olímpica, ademais de lograr o primeiro posto na Copa do Rei de Tríaitlon, E para rematar, destacar tamén o título no Campionato de España de Duatlón por clubs.

 

Quizáis che interese…