Despois da protesta promovida polos deportistas na Liga de Clubs da semana pasada, a Federación Galega de Tríatlon e a Federación Española reuníronse para pedir que se respecten tódolos estamentos do tríatlon.
A FEGATRI entende a protesta dos deportistas, dado que asume que os triatletas tiñan esgotado xa outro tipo de vías para ser escoitados pola FETRI per ocre que este tip ode actos non benefician ao tríatlon e é momento de ser xenerosos, dar un paso adiante e presentar propostas.
“O colectivo máis afectado son os deportistas, tanto grupos de idade como elite, sobre todo os que están destacando agora, que están máis desamparados”, recoñece o presidente da FEGATRI, Paco Villanueva.
Á espera da publicación dos criterios de clasificación para Rio 2016, a FEGATRI salienta a importancia de apoiar aos deportistas nas probas internacionais. “España sempre acadou tres prazas en homes e en mulleres nos Xogos Olímpicos grazas a que viaxou máis que outros países, porque investía máis e mellor. Este ano a FEGATRI dedicou máis axudas en competicións internacionais para os seus triatletas que a FETRI e iso non é lóxico. A Federación Española debería axudar máis aos deportistas que conseguen sponsors por pequenos que sexan”, lamenta o dirixente galego.
Centrando o debate nunha parte fundamental que afecta ás Federacións, a FEGATRI considera que se deberían revisar as axudas que a FETRI outorga a centros de alto rendemento como Murcia, Barcelona ou mesmo Madrid e que non se corresponden con criterios técnicos que, segundo a nosa opinión, terían que premiar ao CGTD de Pontevedra.
“Cremos que non se está valorando o traballo previo das autonomías para que nun futuro cheguen os mellores triatletas á Blume, quen está na base son as comunidades autónomas e os técnicos máis que os plans de tecnificación da FETRI”, sinala Paco Villanueva.
Deste xeito, e sen mencionar cada un dos aspectos concretos nos que puidera haber desacordo na actualidade, a FEGATRI confía nun cambio na xestión do tríatlon estatal sempre en prol do noso deporte e no que estamos dispostos a colaborar fielmente.