A FINAL DO PROGRAMA “NADA E CORRE” CELEBRARASE ESTE DOMINGO 29 EN OURENSE

26 de Abril de 2018

O domingo 29 de abril celebrarase en Ourense a final do programa da Federación Galega de Tríatlon Nada e Corre 2018, adicado aos máis cativos e que vai xa pola súa sétima edición. Este proxecto é para as categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e paratríatlon (deportistas con discapacidade). En total participaron uns 900 rapaces e rapazas nas catro probas zonais e para a final están clasificados 164 deportistas de 19 clubs galegos.

En Ourense participarán 164 deportistas de todas as categorías e haberá tamén clasificación xeral por clubs, para o que se sumarán os puntos dos deportistas do club, resultando gañador aquel que consiga máis puntos. A proba de natación celebrarase na piscina Rosario Dueñas do Pavillón dos Remedios (09:45 horas), mentres que a carreira terá lugar nas pistas de atletismo do campus de As Lagoas da Universidade de Vigo (16:35 horas).

O programa Nada e Corre da presente tempada, que se desenvolve entre os meses de decembro e abril, está formado por catro probas clasificatorias zonais (Narón, Riveira, Vigo e Carballo) e unha final. Na final galega participan os nove primeiros deportistas por categoría e sexo de cada zona.

As distancias a realizar dependerán das categorías:

  • Prebenxamín: 25 metros de natación e 250 de carreira a pe.
  • Benxamín: 50 metros de natación e 500 de carreira a pe.
  • Alevín: 100 metros natación e 500 carreira a pe.
  • Infantil: 200 metros natación e 1.000 carreira a pe.
  • Cadete: 400 metros natación e 2.000 carreira a pe.

Este programa, que comezou no 2012 promovido pola Federación Galega de Tríatlon, está dedicado ás categorías menores e ten como obxecto traballar en inverno a natación, de forma moi especial, e a carreira, aspectos considerados fundamentais nestas idades polos técnicos.

 

 

 

Quizáis che interese…