A selección española youth de péntatlon moderno, que leva en Lugo dende o día 2 de setembro, partirá o mércores 18 en dirección a Caldas da Raínha (moi preto de Lisboa, Portugal), onde disputará o Europeo da categoría entre os días 20 e 22 de setembro. Este campionato é especialmente importante nesta ocasión xa que os tres primeiros (senón pertencen ao mesmo país) lograrán a clasificación para as Olimpiadas da Xuventude 2014, que se celebrarán en China.
Hoxe tivo lugar o acto de presentación da selección española youth (último ano de cadete e primeiro xúnior) de péntatlon moderno que participará no Europeo. No acto estiveron presentes o presidente da Federación Española de Péntatlon Moderno, Alejandro Soler-Cabot; o xefe provincial de Deportes de Lugo da Xunta de Galicia, Manuel Otero Méndez; o director técnico da Española, Manolo Montesinos; o presidente da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno, Francisco Villanueva; o actual campión de España sénior, o galego Cristóbal Rodríguez, e as/os deportistas que participarán no Campionato de Europa (coa excepción de Lúa Vidal que non puido acudir).
O presidente da Española agradeceu a colaboración das institucións públicas (Deputación e Concello), que cederon as instalacións para que a selección puidera adestrar en condicións óptimas durante estas semanas en Lugo.
Alejandro Soler-Cabot explicou que este deporte, moito máis que outros, necesita a colaboración das institucións públicas para saír adiante xa que “neste deporte non hai diñeiro e as e os deportistas so contan coa axuda das becas que poden acadar polos seus resultados. É un deporte moi sacrificado e as e os nosos deportistas necesitan de todos, a nivel estatal do Consello Superior de Deportes e tamén das secretarías de Deportes das Comunidades Autónomas”. O máximo dirixente da Federación Española tamén quixo agradecer a gran colaboración da Federación Galega para organizar esta concentración e o seu traballo diario.
Selección española. A selección está formada por Lluis Shivell, Joan Gispert, Ariadna Mora e os galegos Aroa Freije (bronce no Europeo cadete), Lúa Vidal e Raul Blanco. O equipo adestrou xunto ao Pedro Pérez, responsable da selección catalá, e Ruth Ballesteros, adestradora da Federación Galega. Ademais contaron coa colaboración do mestre de esgrima Endre Kovacks (Bondi); o seleccionador nacional sénior Manolo Montesinos e o actual campión de España sénior, o galego Cristóbal Rodríguez Fidalgo.