A vila do Louro celebra este sábado o III Dúatlon Concello do Porriño

16 de Setembro de 2015

Máis de 150 deportistas participarán este sábado no III Dúatlon Concello do Porriño, que nesta edición inclúe modificacións no percorrido.

O martes 15 de setembro celebrouse no  salón de plenos do Concello de Porriño,  a presentación do III Dúatlon Concello do Porriño da man do tenente de alcalde, Manuel Carreira; o presidente de FEGATRI, Óscar Surís; o triatleta e campión das dúas edicións anteriores, Brais Misa; e do vicepresidente do Club Atletismo Porriño, Víctor Mouriño.

Manuel Carreira desculpou a ausencia da alcaldesa, Eva García da Torre, que non puido estar presente por compromisos de última hora, poñendo de manifesto que “este goberno ten algo moi claro, todo o que funciona vaise a manter. Esta é unha proba de carácter anual que tivo moita repercusión e éxito de participación e desde o Concello seguiremos apoiando este tipo de iniciativas”.

Nesta terceira edición, realizáronse algúns pequenos cambios respecto ao circuíto trazado nas anteriores, “tratando de evitar na medida do posible grandes cortes ao tráfico rodado e á vida cotiá dos veciños”, explicaba Carreira. Así mesmo, o tenente de alcalde confesaba a súa admiración polos deportistas desta modalidade, engadindo que “é un deporte moi duro que leva moitas lesións, así como unha gran preparación física e esixencia persoal”.

De feito, ninguén mellor para explicalo que Brais Misa, que achegou a visión máis directa desta proba engadindo que “aínda coa súa curta vida, está a ser moi valorada xa que o público achega un grao de apoio e agarimo que suma un valor engadido. Ademais é dos mellores percorridos que hai pola zona, sen esquecernos da promoción que se realiza cara ás categorías inferiores; é moi interesante que os nenos poidan valorar que existen outros deportes que se resuman sempre no fútbol”.

Óscar Surís, eloxiaba precisamente esa posta de valor polo deporte do Concello de Porriño, “este municipio ten unha sensibilidade especial cos máis pequenos que se inician neste deporte, coa edición do Dúatlon Infantil póñeno de manifesto”. A proba para a categoría alevín dará comezo ás 16.00 h e consistirá en 4 km a pé, outro 4 km en bicicleta e 0,5 de novo a pé ata a meta.

Surís tamén explicou que “a carreira dos adultos iniciarase ás 17.00 h, na distancia sprint, de 5 km, seguida de 20 km en bicicleta e novamente 2,5 km máis ata a entrada en meta.

Quizáis che interese…