Aaron Ortiz, captado polo tríatlon en Pontevedra

2 de Abril de 2014

Entre os miles de espectadores que congrega cada ano a cidade de Pontevedra, Aaron Ortiz foi un deles no campionato de España de tríatlon 2012. Aquel día no que a afección non se puido deleitar coa participación do seu veciño Javi Gómez Noya por unha escordadura de nocello pero que presenciou os logros dos galegos co subcampionato de Iván Raña e cos bronces de Uxío Abuín e Aida Valiño, espertaba en Aaron Ortiz, catalán de Sant Boi e residente en Marín, a atracción polo multideporte.

No seu primeiro tríatlon en directo, a Aaron Ortiz chamoulle a atención especialmente a segunda transición, na que puido contemplar aos triatletas elite deixar rapidamente as súas bicis e comezar a correr.

Aaron, un mozo de 22 anos con parálise cerebral, atopou no seu tío, Jesús Benito, adestrador de taekwondo no CGTD, o nexo de unión co tríatlon galego.

Así coñeceu a Alba Cuba, técnica da FEGATRI, coa que prepara a súa adaptación ao tríatlon na Escola Municipal de Pontevedra. “Correr é o que máis lle gusta e o que máis accesible ten, ademais é no que máis está a evolucionar. Coa bici de estrada cústalle manter o equilibro pero adestra coa de montaña. Na natación ten problemas para coller a respiración ou non levar tensos os brazos”, relata a adestradora lucense ao falar da dificultade de Aaron para relaxar os músculos, algo que suple coa súa actitude traballadora e creando un ambiente positivo no grupo.

Pero aínda que non sexa a súa disciplina predilecta, a natación xa lle deu a primeira alegría ao paratriatleta integrado no Monte Abaixo. “Coñecín a Gómez Noya na piscina. Eu estaba a nadar e el quecendo. Pareino cando me ía ao vestiario e díxome: Agarda que teño un regalo para ti”, lembra Aaron sobre o día no que o subcampión olímpico lle entregou un dos seus gorros das Series Mundiais.

Así, ilusionado como o resto de rapaces da Escola Municipal de Pontevedra, Aaron Ortiz debutou este sábado na popular do Dúatlon de Santiago. A súa estrea tivo lugar xunto á súa adestradora, na que non dubida en afirmar que confía nela, e tendo así unha axuda dende dentro coas súas instrucións. Amosando os seus nervios previos á carreira, a tranquilidade chegou coa competición en marcha, sen deixar de comentar a proba con Alba Cuba. A dureza do sector ciclista de San Lázaro, aumentou a tensión de Aaron pero permitiulle gozar da carreira para deixar atrás a súa adestradora nun último sprint final cruzando a meta cun tempo de 1:05:06.

O primeiro contacto co dúatlon en Santiago é un paso máis para o paratriatleta antes de entrar nunha das categorías deste deporte, na que Galicia xa conta con Susana Rodríguez Gacio en PT5, na modalidade para persoas con discapacidade visual. Tendo en conta que a Aaron a súa parálise cerebral lle permite ter bastante movemento, Alba Cuba, adestradora FETRI Nivel 3, baseándose na nova clasificación publicada pola ITU, coloca entre PT2, PT3 ou PT4 as súas opcións.

 

 

Quizáis che interese…