IMPORTANTE PRESENZA DE DEPORTISTAS GALEGOS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DUATLÓN DE AVILÉS

3 de Abril de 2014

Esta fin de semana celebrarase en Avilés o Campionato de España de Duatlón, no que a Federación Galega de Tríatlon contará cunha importante presenza. Ademais, o campionato do Mundo de Pontevedra estará na cabeza dos competidores, xa que moitos buscarán a súa clasificación para esta importante proba do calendario mundial, que este ano terá lugar en Galicia.
O sábado 5 de abril celebraranse as probas cadete, paraduatlón e os grupos de idade, mentres que o domingo 6 será o momento dos elite e júnior.
Cadete. As probas cadete serán as primeiras en celebrarse sobre as distancias de 2,5 quilómetros de carreira a pe, 10 quilómetros de bicicleta e 1.250 metros de carreira a pe. Na proba masculina (14:00 horas) están inscritos 178 deportistas dos cales 30 son galegos. O pasado ano, Andrés Cendán (Dexter Tríatlon) estivo moi preto do podio (foi cuarto) e este ano tentará de novo loitar polas primeiras posicións, igual que Víctor Souto (Fogar), Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol) ou Manuel Rey (Dexter), entre outros galegos.
Na feminina (14:02) hai 91 deportistas inscritas das cales 13 son galegas, e con nomes tan destacados coma Inés Santiago (Tríatlon Ferrol), que o pasado ano en Pontevedra foi medalla de prata; Carla Castaño (Arcade Inforhouse) ou Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol). Seguro que loitarán polo podio.

En Paraduatlón (15:00 horas) contaremos con dous representantes. Susana Rodríguez competirá na categoría TRi6-B, para deportistas con discapacidade visual, mentres que na categoría masculina haberá unha novidade. Acudirá por vez primeira a un campionato de España Diego Calvete (Tri-Penta Terras de Lugo). Aínda ten que pasar o recoñecemento médico para saber en que categoría competirá, porque será a súa primeira proba en paratriatlon. É un deportista que chega do atletismo e enfronta a súa primeira tempada no noso deporte. As distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe).
Ademais, o sábado participarán as e os deportistas dos grupos de idade. A proba da distancia Sprint comezará ás 15:45 horas e en xogo estará o pase para o Mundial: Clasifícanse para Pontevedra os quince primeiros de cada grupo. Neste torneo hai inscritos 320 deportistas (masculinos e femininos). As distancias son: 5- 20- 2,5. Ás 17:30 horas comezará Grupos de Idade distancia curta (10- 40- 5) coa participación de 250 duatletas.
O domingo 6 de abril, a primeira das probas en celebrarse será a júnior masculina (09:00 horas), onde as principais aspiracións galegas están postas no vigués Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), recén chegado da súa xira por Chile e Arxentina cos integrantes do Grupo de Alto Rendemento do CGTD. O pasado ano, no Campionato de España de Duatlón disputado en Pontevedra foi prata. Nesta proba hai 91 inscritos, dos cales 15 son galegos.
Na categoría feminina (09:02), hai 22 deportistas inscritas e entre elas Diana Cotón (Arcade Inforhouse), Xiana Rendo (Dexter)  ou Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo). As distancias son: 5- 20 – 2,5.
Elite. As 10:30 horas comezará a proba de elite feminina, con máis de 50 participantes, e entre elas as galegas Silvia Deira (Arcade Inforhouse) e Silvia Veira (Arcade).
Na categoría masculina (12:00 horas) Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) tentará repetir o podio do pasado ano (foi prata). Estase a recuperar dunha caída que sufriu hai pouco máis dunha semana e aínda que non se atopa ao cento por cento, confía nas súas posibilidades. Na proba masculina hai unha importante lista de espera na inscrición, ao encherse as 100 prazas dispoñibles. Entre os inscritos contamos coa presenza de dez galegos. Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Diego Paz (Arcade) son outros dos representantes da FEGATRI que tentarán loitar polos primeiros postos. A proba de elite disputarase sobre as distancias de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

Quizáis che interese…