AÍDA GARCÍA E BRAIS MISA, VENCEDORES DO DÚATLON CONCELLO DE POIO

3 de Febreiro de 2019

Aída García (Club Ciclismo Tríatlon Poio) e Brais Misa (Arcade Inforhouse Santiago) proclamáronse hoxe vencedores da primeira competición da tempada en Galicia, o Dúatlon Concello de Poio. Esta proba, con 130 inscritos, forma parte do Circuíto Galego de Dúatlon e é clasificatoria para o Galego.

Na categoría feminina Aída García logrou o triunfo grazas a un magnífico sector de bicicleta no que logrou escaparse en solitario e marcar unha importante diferenza coas súas perseguidoras. Despois, no último tramo da carreira a pe, só tivo que manter as distancias para chegar a meta na primeira posición cun tempo final de 1:04:04. O segundo posto foi para María González (Artrogal-Tri 498) que foi xunto a Aída ata que esta rompeu a proba na bicicleta. María fixo o mellor parcial no terceiro segmento e logrou a segunda posición cun tempo de 1:05:52. María Lois (Arcade Inforhouse Santiago) pechou o podio cun tempo de 1:10:18.

A proba masculina estivo moi competida ata o remate no que houbo pleno do Arcade Inforhouse, que colocou a tres homes no podio. Nos dous primeiros sectores, moita igualdade cun grupo de cinco homes (Brais Misa, Gustavo Santiago Rodríguez, Cristian Muíño, Jacobo Crego e Cristóbal Dios) nunha apertada loita por estar en cabeza e con xente moi preto tentando alcanzalos. Así se chegou ao terceiro segmento con todo por decidir. Brais Misa (Arcade Inforhouse Santiago) logrou impoñerse na liña de meta (54:10) con escasos segundos sobre o seu compañeiro de club, Gustavo Santiago Rodríguez (54:16). O terceiro posto foi para o tamén deportista do Arcade, Cristian Muiño, que tamén chegaba moi preto (54:28).

As e os participantes tiveron que facer 5 quilómetros de carreira a pe, 20 quilómetros en bicicleta e remataron con 2,5 de carreira nun día soleado. A saída, meta e transicións estaban situadas no porto do Campelo. 

Os vencedores noutras categorías foron:

  • Cadete: Gabriela Quintás (Olímpico de Vedra) e Xesús Martíño (Olímpico de Vedra)
  • Júnior: Adrián Haz (Tríatlon Oleiros)
  • Sub 23: María Lois (Arcade Inforhouse Santiago) e Antonio Souto (Tri-Penta Terras de Lugo)
  • Veterán 1: Aída García (Club Ciclismo Tríatlon Poio) e Miguel Ángel Vidal (Cidade de Lugo)
  • Veterán 2: Purificación López (Club Hércules Termaria) e José Javier Gómez (Tri Ourense)
  • Veterán 3: Manuel González Ojea (Tríatlon Rías Baixas)
  • Clubs: Olímpico de Vedra (feminino) e Arcade Inforhouse (masculino)

O Circuíto Galego de Dúatlon 2019 está formado por 4 probas (Concello de Poio, Cidade de Lugo, Cidade de Vigo e Cidade de Santiago), que son clasificatorias para o Campionato Galego, que se celebrará en Riveira o día 7 de abril. En cada unha das probas clasifícanse 22 deportistas para o Galego.

 

Quizáis che interese…