AÍDA GARCÍA, GAÑADORA DA COPA DE ESPAÑA E DO GALEGO DE TRÍATLON CROS EN PONTEVEDRA

26 de Agosto de 2018

Sergio García (AD Sevilla) e Aída García (Tríatlon Rías Baixas) proclamáronse hoxe gañadores do Tríatlon Cros Concello de Pontevedra, que era ademais unha proba da Copa de España de Tríatlon Cros e campionato galego. Esta proba  servía como test cara ao Festival Multisport do vindeiro ano, onde Pontevedra acollerá cinco mundiais, un deles o de tríatlon cros.

Na proba feminina, Silvia Deira (Olímpico de Vedra) comezou dominando con moita facilidade na natación. Foi un segmento moi rápido, xa que coa marea baixa apenas había corrente e aí Deira logrou unha importante vantaxe. Aída García saíu na terceira posición, a case dous minutos de Deira e 1:20 de Isabel González (Marlins Tríatlon Madrid).

Pero na transición e no inicio do circuíto de bicicleta, Aída foi moi rápida e logrou alcanzalas pronto, para despois marcharse en solitario neste complicado circuíto, “é bastante duro, con moitas subidas, pero me encantou, con tramos de bastante dificultade e de arena”, explicou a vencedora. Así, pouco a pouco foi abrindo un importante oco e cando chegou o momento de poñerse as zapatillas para correr, levaba máis de seis minutos, o que lle permitiu non forzar no tramo final. “Como sabía que tiña marxe, non forcei porque hai dous días caín e me fixe dano nunha costela e me molesta ao correr”.

Aída manifestou a súa ledicia por este triunfo tanto na Copa de España como no Galego e xa pensa no Mundial do próximo ano: “Espero poder estar, porque é un percorrido precioso e quero prepararme ben para esa competición”.

Aída García logrou a vitoria cun tempo de 2:44:38, mentres que a segunda foi Isabel González –que naceu en Galicia, pero é federada madrileña- cun tempo de 2:57:53. O bronce foi para Silvia Deira (Olímpico de Vedra) que parou o crono en 3:09:11.

No campionato galego de tri-cros 2018, o podio estivo formado por Aída García (1ª), Silvia Deira (2ª) e Miriam Iglesias (Asociación Deportiva Media Ducia), que logrou a terceira posición.

Podio galego masculino.

Na categoría masculina, fermosa loita entre Sergio García e Alejandro Pareja (Tríatlon Ondarreta Alcorcón). Saíu da auga Alejandro Pareja na primeira posición cuns 15 segundos de vantaxe sobre Diego Sotelo e pouco a pouco foron saíndo o resto. Na bicicleta seguiu na primeira posición Pareja, pero co sevillano Sergio García recortando distancias para poñerse moi preto. Así fixeron xuntos este segmento e chegaron á segunda transición tamén unidos. Na carreira a pe, García logrou adiantar a Pareja e así chegou á meta cuns segundos da vantaxe e un tempo de 2:13:10. O campión destacou que “o circuíto vaime xenial. Bastante técnico e esixente, a verdade é que me encanta e creo que vou preparar o Mundial a conciencia”. A segunda posición foi para Alejandro Pareja (2:13:22) e a terceira para Ángel Herraiz (2:13:38), que tentou disputarlle a prata nos metros finais.

Na cuarta posición entrou Enrique Morán (Atletismo Porriño), que fixo unha proba excepcional e logrou proclamarse campión galego de tríatlon cross cun tempo de 2:14:55. A medalla de prata no Galego foi para Diego Sotelo (2:16:36) e o bronce para Javier Fernández (2:17:13).

 Cadete. A Copa de España tamén se celebrou na categoría cadete con Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial) e Andrés Prieto (AD Fogar) na primeira posición. Na categoría masculina, o podio quedou formado por Andrés Prieto (01:10:30), con Alexandre Álvarez (Natación Pabellón Ourense) na segunda posición (1:12:27) e David Aragunde (licenza dun día), terceiro.

 

 

Quizáis che interese…