AÍDA VALIÑO E DIEGO PAZ, GAÑADORES DO II TRÍATLON CONCELLO DO PORRIÑO

7 de Xuño de 2014

Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial) e Diego Paz (Arcade Inforhouse) proclamáronse hoxe campións do II Tríatlon Concello do Porriño, que uniu as localidades do Porriño e Tui, con máis de trescentos participantes.

Na categoría feminina, Aída Valiño confirmou todos os prognósticos. A lucense dominou de forma rotunda en cada un dos segmentos. Na natación xa logrou en 750 metros unha vantaxe de máis de dous minutos sobre a segunda clasificada e seguiu na mesma liña nos outros dous sectores (bicicleta e carreira a pe). Así, chegou a meta na primeira posición cun tempo de 1:00:02, mentres que segunda clasificada foi a deportista local María Martínez (Atletismo Porriño), que o pasado ano lograra o triunfo (1:08:26). O terceiro posto foi para Mar Villar (Tríatlon Morrazo) cun tempo de 1:10:23.

Na proba masculina tampouco houbo sorpresas. Diego Paz (Arcade Inforhouse) encabezaba o grupo de favoritos e amosou a súa superioridade e, sobre todo, unha enorme regularidade. Foi o mellor na natación, o cuarto mellor tempo en bicicleta e o segundo na carreira a pe, e así logrou o primeiro posto na súa chegada a meta (57:01). Martín Carrera (Natación Riveira) acadou o segundo posto (58:03), mentres que Tomás Olavarri (Terras de Lugo) chegou terceiro (58:34).

De destacar a remontada de Brais Misa (Atletismo Porriño), que tras facer unha frouxa natación (perdeu máis de dous minutos, posto 22), foi o mellor nos outros dous segmentos e así logrou escalar ata a cuarta posición (58:40) a só uns segundos do bronce.

O resto dos gañadores desta proba foron:

ü  Cadete: Cristina Torres (Mar de Vigo) e Manuel Rey (Dexter Compostela).

ü  Júnior: Elena Pérez (licenza dun día) e Martín Carrera (Natación Riveira).

ü  Veterán: Paloma Herbello (Arcade Inforhouse) e Gonzalo González (Motobike).

Unha das novidades desta proba é o feito de que une a dúas localidades. O II Tríatlon Concello de Porriño comezou na localidade de Tui, coa celebración do segmento de natación (750 metros) no río Miño; o sector de bicicleta (20 quilómetros) realizouse entre as ambas localidades, e o segmento de carreira a pe (5 quilómetros) descorreu polo casco urbano do Porriño.

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...