AÍDA VALIÑO E PABLO DAPENA, CAMPIÓNS GALEGOS DE TRÍATLON

28 de Setembro de 2013

Aída Valiño (Wild Wolf Cidade de Lugo) e Pablo Dapena (Wild Wolf Cidade de Lugo) proclamáronse hoxe campións galegos de tríatlon en Pontevedra nunha tarde moi desapracible pola chuvia e o vento. Na proba masculina o gañador da proba foi Ricardo Hernández, que logrou a vitoria no XIII Tríatlon Cidade de Pontevedra.

Na categoría feminina non houbo emoción, xa que Aída Valiño (Wild Wolf Cidade de Lugo) foi moi superior a todas ás súas rivais. Saíu na primeira posición da auga, realizou todo o segmento de bicicleta en solitario, onde tamén aumentou a distancia, e rematou cun tranquilo sector de carreira a pe. Aída chegou a meta cun tempo de 1:04:34. A emoción estivo na loita polo segundo posto, xa que Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Marta Barbeito (A.D. Fogar) estiveron xuntas en toda a bicicleta, pero na carreira a pe Melina marchou con certa facilidade (1:07:16).

Na categoría masculina houbo unha loita clara entre dous protagonistas: Ricardo Hernández (Diablillos de Rivas) e Pablo Dapena (Wild Wolf Cidade de Lugo). Ricardo non loitaba polo título de campión galego, pero si quería lograr a vitoria no Cidade de Pontevedra. Saíron xuntos da auga (a poucos segundos) e realizaron en dúo o segmento de bicicleta, no que lograron incrementar as distancias sobre o grupo perseguidor, onde estaban Brais Canosa e Gustavo Rodríguez. Na carreira a pe decidiuse o vencedor, a favor de Ricardo Hernández (57:13), mentres que Pablo Dapena logrou o título de campión galego (57:27). Terceiro e prata no galego para Brais Canosa (Arcade Inforhouse) cun tempo de 58:42 e a continuación Gustavo Rodríguez (Wild Wolf Cidade de Lugo), que logrou o bronce no galego (58:50).

Noutras categorías os vencedores do XIII Tríatlon Cidade de Pontevedra foron:

 Cadete: Carla Castaño (Arcade Inforhouse) e Andrés Cendán (Dexter).
 Xúnior: Xiana Rendo (Dexter Tríatlon) e Antonio Serrat (Wild Wolf Cidade de Lugo).
 Sub 23: Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Alejandro Álvarez (Wild Wolf Cidade de Lugo).
 Veterán 1: Belén Lemat (Wild Wolf Cidade de Lugo) e Juan Ramón García (A.D. Fogar).
 Veterán 2: Andrés López (Monte Abaixo).
 Clubs: Wild Wolf Cidade de Lugo (categorías masculina e feminina).

Quizáis che interese…