ALARZA FAI HISTORIA AO LOGRAR EN CIDADE DO CABO A PRIMEIRA VITORIA DA SÚA CARREIRA NUNHA  PROBA DAS SERIES MUNDIAIS  

24 de Abril de 2016

O deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD, Fernando Alarza, logrou a primeira vitoria da súa carreira deportiva nunha proba des series mundiais. O triunfo chegou hoxe en Cidade do Cabo, onde Alarza tivo unha actuación case perfecta, cunha carreira a pe espectacular na que superou a Jonathan Brownlee.

Era a primeira proba das series mundiais da tempada que se celebraba sobre a distancia sprint. Así, ao remate da natación (750 metros) as distancias non eran excesivamente importantes. Coma sempre, saíu da auga en cabeza Richard Varga pero con moitos homes moi preto ás súas costas. Alarza era oitavo, con Vicente Hernández 13º. Un pouco máis atrás, estaba o actual líder do Mundial, Mario Mola (posto 28º). As distancias eran mínimas, pero na transición houbo homes moi rápidos, o que provocou que se formase un grupo de 11 triatletas, que logrou escaparse pouco a pouco, con Jonathan Bronwlee, Fernando Alarza e Dorian Conix, entre eles.

O grupo tiña interese en deixar atrás a Mola, xa que o actual líder mundial na carreira a pe parece intratable, e así traballaron de forma coordinada. E durante toda a bicicleta mantiveron unha distancia de case medio minuto sobre o segundo grupo con Mario Mola.

Volta a volta, repetíanse os tempos (27 segundos) e así chegaron a T-2, na que a distancia entre os dous grupos era de 25 segundos. Podían ser suficientes, pero as actuacións de Mario Mola estaban moi presentes e ninguén tiña seguro que o mallorquino non fora capaz de remontar. Así, segundo abandonaron a transición colocouse un trío en cabeza formado por Fernando Alarza, Jonathan Brownlee e Dorian Conix, que non estaban dispostos a permitir que Mola se lles achegase. Marcaron un ritmo altísimo durante eses cinco quilómetros, co que non deron opcións a Mola, a pesar de que foi remontando posicións ata o cuarto posto.

Por diante, Alarza tiña moi claro que estaba ante unha oportunidade única. A falta de 1 quilómetro para o remate, atacou forte a Brownlee – Conix xa quedara un pouco retrasado– e o británico non tivo forzas para respostar. Así, o deportista adestrado por Omar González entrou no estadio en solitario e puido saborear durante catrocentos metros unha vitoria incontestable (54:12). A segunda posición foi para Jonathan Brownlee (54:16) e bronce para Dorian Conix (54).

Trala disputa da terceira proba do mundial as distancias acurtáronse entre os dous primeiros clasificados: Mario Mola segue como líder con 2.233 puntos, pero Alarza achegouse a só 60 puntos (2.173). A terceira posición é para Jonathan Brownlee

As Series Mundiais de Tríatlon 2016 están formadas por nove probas que se disputarán en Abu Dhabi, Costa Dourada (Australia), Cidade do Cabo (Sudáfrica), Yokohama (O Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Estocolmo (Suecia), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá) e Cozumel.

Quizáis che interese…