O triatlón autonómico renovou os seus títulos de Media Distancia o pasado domingo no IX Desafío Santander Islas Cíes celebrado en Vigo. Andrea Iglesias (Cidade de Lugo Fluvial) e Jacobo Crego (Inforhouse Santiago) obtiveron as coroas galegas no evento que tivo como gañadores absolutos da proba á madrileña Marta Cabello (Diablillos Rivas) e ao asturiano Diego Martín (Cidade de Lugo Fluvial). Para afrontar os 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e os 21 quilómetros de carreira a pé reuníronse 250 triatletas na liña de saída da praia do Vao.
A vitoria no Campionato de Galicia masculino decidiuse por medio minuto de diferenza. Damián Martínez (Tri-Penta Terras de Lugo) saíu da auga en terceira posición, e Jacobo Crego, sétimo no primeiro sector, situouse a súa altura nas catro voltas en bicicleta entre O Vao e a Ramallosa. A última transición completouna en cabeza Ramón Troncoso (Club Atletismo Porriño), pero o título estábase xogando no man a man entre Crego e Martínez, que se decantou a prol do representante do Inforhouse Santiago cun tempo de rexistro de 3:59:32. O terceiro chanzo do podio ocupouno Facundo Medard (Triatlón Arteixo) grazas a ser o máis rápido no medio maratón final.
Crego ocupou a segunda posición na clasificación do Desafío, a mesma que Andrea Iglesias na táboa absoluta feminina. Terceira na natación por detrás de Nerea Castro (Poio) e Cristina Torres (Mar de Vigo) -a máis rápida na auga-, a triatleta do Cidade de Lugo Fluvial colocouse como mellor galega no sector de ciclismo e sentenciou con claridade na carreira a pé. O título autonómico conseguiuno cunha marca de 4:41:31 e unha vantaxe de 22:22 sobre Nerea Castro. A medalla de bronce obtívoa Cristina Torres.
Grupos de idade
A nómina de campioas e campións de Galicia nos grupos de idade compuxérona: Cristina Torres e Jorge Tábara (Atletas Acea de Ama) de 20 a 24 anos, Facundo Medard de 25 a 29, Andrea Iglesias Emilio Tizón (Saltoki) de 30 a 34, Vanesa Hermida (Cidade de Lugo Fluvial) e Damián Martínez de 35 a 39, Jacobo Crego de 40 a 44, Rosana Silvia (Club Atletismo Porriño) e Ricardo Rey (Nosport Limit) de 45 a 49, José Eugenio Ledo (Mar de Vigo) de 50 a 54, María Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e José Andrés Aldrey (Triatlón Coruña) de 55 a 59, Óscar Surís (Mar de Vigo) de 60 a 64, Eduardo Vieira (Sireno) de 65 a 69 e Fernando Cabezas (Mar de Vigo) de 65 a 69.