Bos resultados dos deportistas galegos na Copa de Europa de Quarteira, aínda que nesta oportunidade escapouse o podio por moi pouco. Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) foi cuarto na proba masculina, mentres que Inés Santiago foi oitava, Sara Guerrero chegou na 15ª posición e Carmen Gómez, 17ª.
Na proba feminina, o mar estaba bastante revolto pero a pesar diso as nosas representantes (Inés Santiago, Carmen Gómez e Sara Guerrero) realizaron unha natación bastante boa e saíron nos postos de diante. Inés foi a terceira.
Houbo unha escapada de tres triatletas (Melanie Santos, Mathilde Gautier e Anna Godoy), pero o grupo principal logrou alcanzalas mediada a bicicleta e así chegaron á T-2. Na transición, Inés estivo bastante rápida e na carreira a pe sentiuse con boas sensacións e rematou na oitava posición. Tamén tivo unha moi boa actuación Sara Guerrero, que rematou na 15ª posición, mentres que Carmen quedou un pouco descolgada na transición, pero despois foi recuperando na carreira a pe ata o posto 17º.
Na proba masculina, magnífica actuación de Antonio Serrat. A natación foi moi complicada, con ondas moi grandes, pero Antonio Serrat e Uxío Abuín lograron salvala e meterse no primeiro grupo.
Na bicicleta, Antonio Serrat logrou meterse na escapada boa, xunto a outros sete triatletas entre os que se atopaba Dorian Coninx. E así chegaron a segunda transición para enfrontar os 10 quilómetros de carreira a pe. Serrat, con boas sensacións, logrou meterse no grupo de cabeza, formado por catro triatletas, pero antes de finalizar a primeira volta sufriu un punto que o deixou un pouco tocado e ao comezar a segunda, houbo un ataque e o vigués non puido responder. O triunfo foi para Dorian Coninx (01:50:00), co tamén francés Leo Bergere en segundo posición. Así, quedou sen opcións de medalla, pero logrando unha magnífica cuarta posición (cun tempo de 01:51:57), que o coloca ademais como líder provisional do circuíto da Copa de Europa.
Uxío Abuín rematou na 14ª posición, mentres que Andrés Cendán foi 18º e Alberto Castiñeira, 39º.