ANTONIO SERRAT, DÉCIMO NA SERIE MUNDIAL DE MONTREAL

26 de Agosto de 2018

Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou meterse no top-ten da Serie Mundial de Montreal e conseguiu así o seu mellor resultado nunha proba das Series Mundiais. Pola súa banda, Fernando Alarza non puido competir, por culpa dunha bronquitis. De destacar a vitoria do mallorquino Mario Mola, que fixo unha remontada espectacular na carreira a pe, para sumar o cuarto triunfo da tempada no Mundial.

Antonio fixo unha proba moi regular. Saíu ben posicionado da auga, no top-20, sen perder demasiado tempo, polo que puido meterse no grupo principal do ciclismo. A bicicleta era moi perigosa porque o asfalto estaba mollado pola choiva. Así, era necesario tomar precaucións e formouse un grupo principal moi nutrido de case 40 unidades.

Á metade do segmento de bicicleta, despois doutros intentos sen éxito, formouse unha escapada de catro homes (Blummenfelt, Stormes, Paquet e Schilling), que abren un oco importante de 1:03 na T2, sobre un grupo de 27 no que están todos os favoritos: Mario Mola, Murray, Joao Pereira e, por suposto o noso Serrat, que durante boa parte da bicicleta ía no parte final do grupo, pero non quedou descolgado.

Na carreira a pe, ataque en cabeza de Blummenfelt, que quería a vitoria, e de Mario Mola por detrás, en busca das primeiras posicións. Pola súa banda, Antonio (que chegou a T-2 na posición 30) comezou a súa remontada, ata esa magnífica décima posición cun tempo de 1:49:31. No segmento da carreira a pe, o galego fixo o oitavo mellor parcial de todos os participantes.

Pola súa banda, Mario Mola volou en busca dun novo triunfo e logrou superar ao noruego a falta de un quilómetro, para así sumar a cuarta vitoria da tempada.

Quizáis che interese…