Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) rematou na décimoquinta posición na Copa do Mundo de Cagliari (Italia), que se celebrou hoxe coa participación de cinco triatletas galegos. Antonio acadou a mellor posición dos galegos, mentres que Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) foi 18ª na categoría feminina e Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), 36ª. Uxío Abuín (Olímpico de Vedra), que quedou cortado por unha caída, foi 40º, mentres que Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) acabou no hospital por unha dura caída en bici cando ía nas primeiras posicións. Afortunadamente os médicos non detectaron fractura algunha.
Non foi unha boa proba para as e os nosos deportistas. Na proba feminina, case todas as triatletas saíron da auga moi xuntas e coas nosas deportistas ben colocadas. Nos primeiros postos estaba Inés Santiago, mentres que Camila Alonso e Carmen Gómez estaba un pouco máis atrás, pero en moi poucos segundos. Pero na primeira volta de bicicleta, nunha baixada, Camila Alonso tivo unha caída moi dura, na que remataron todas as súas opcións ao ter que ser evacuada ao hospital. Afortunadamente, os médicos non detectaron fracturas, aínda a que a deportista está moi dolorida.
Da proba feminina, destacar a boa actuación de Inés Santiago que rematou na 18ª posición -e primeira española- cun tempo de 1:04:12. Pola súa banda, Carmen Gómez perdeu máis de dous minutos na bicicleta, aínda que remontou algunhas posicións na carreira a pe para finalizar na 36ª posición cun tempo de 1:07:19.
Na categoría masculina, tamén case todos os triatletas saíron da auga moi xuntos e sen nada por decidirse, con Uxío Abuín nas primeiras posicións tras facer unha espectacular natación. Pero outra vez unha caída foi decisiva. No primeiro paso por boxes houbo unha caída que rompeu o grupo en dous e prexudicou moito a Uxío Abuín, que quedou cortado, mentres que Antonio estaba no primeiro grupo. No paso pola T-2, seis deportistas chegaron en cabeza cuns segundos de vantaxe sobre o grupo principal de 20 triatletas, no que figuraba Antonio Serrat. Tocaba remontar, pero Serrat non tivo boas sensacións durante a carreira e ao final logrou rematar na 15ª posición cun tempo final de 55:59. Pola súa banda, Uxío Abuín remontou varias posicións na carreira a pe para finalizar no posto 40 (59:28). Unha pena porque Uxío parecía atoparse en moi boas condicións, pero o corte na bicicleta foi determinante.
A Copa do Mundo de Cagliari celebrouse sobre a distancia sprint, de forma que as e os deportistas fixeron 750 metros de natación, 18 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe.