O domingo 4 de xuño celebrarase a Copa do Mundo de Cagliari (Italia) con cinco triatletas galegos inscritos: Antonio Serrat, Uxío Abuín, Camila Alonso, Inés Santiago e Carmen Gómez.
Despois da Copa do Mundo de Madrid, case sen tempo para descansar, nova proba da Copa do Mundo, esta vez en Italia. A lista de saída é espectacular, con moitos dos que estiveron en Madrid (Simon Viain, que foi terceiro; Kevin McDowell, 5º) e a incorporación de triatletas coma Henri Schoeman, Jonathan Brownlee ou Andreas Schilling (quinto na Serie Mundial de Yokohama). Así que haberá que facer as cousas moi ben para estar nas primeiras posicións. Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) chega con gañas de esquecer a proba de Madrid, onde non se atopou ben e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) de seguir mellorando carreira a carreira. O pasado ano, Serrat logrou a novena posición tras facer unha gran remontada. A proba masculina comezará ás 12:30 horas.
Na categoría feminina (10:30 horas) teremos a tres participantes galegas, as tres do Tríatlon de Ferrol: Camila Alonso (que foi 14ª en Madrid), Inés Santiago (que compite na primeira proba internacional da tempada) e Carmen Gómez, que esta tempada se estreou na distancia olímpica coa terceira posición na Copa de Europa de Gran Canaria. Carmen chega a esta cita un pouco tocada no sóleo. Estivo un par de semanas sen adestrar e comezou a facelo hai só uns días, polo que non chega nas mellores condicións.
A Copa do Mundo de Cagliari celébrase sobre a distancia sprint, de forma que as e os deportistas terán que facer 750 metros de natación, 18 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe.