O sábado 2 de xuño celebrarase a Copa do Mundo de Tríatlon de Cagliari (Italia) con tres triatletas galegos inscritos: Antonio Serrat, Uxío Abuín e Camila Alonso.
Na proba masculino teremos a dous dos favoritos para loitar polas primeiras posicións. Proba diso son os dorsais: Abuín parte co número 1 e Serrat co 3. Antonio fixo unha magnífica carreira na Serie Mundial de Yokohama onde logrou a súa mellor posición (11º) e Uxío volve ter boas sensacións despois dun comezo de tempada complicado, por culpa das lesións. Outros triatletas destacados son Dmitry Polyanskiy ou Luke William. A proba masculina comezará ás 14:30 horas.
Na categoría feminina (12:30 horas) teremos a Camila Alonso, que gañou na Copa de Europa de Melilla e quere seguir conseguindo puntos para o ranking mundial. Iso si, non chega no seu mellor momento, tras sufrir unha caída adestrando hai unhas semanas.
A Copa do Mundo de Cagliari celébrase sobre a distancia sprint, de forma que as e os deportistas terán que facer 750 metros de natación, 19 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe.