Aroa Freije (Tri-Penta Terras de Lugo) segue sorprendendo a todos co seu crecemento espectacular día a día. Dende que comezou a centrarse no péntatlon moderno non deixa de superar retos e récords. Actualmente a galega é a cuarta deportista do ránking mundial para os Xogos Olímpicos da Xuventude, que se celebrarán este ano en China, e ademais é a máis nova do top-ten desta lista.
O ránking está encabezado por Anna Zs. Toth (Hungría) deportista coa que coincide habitualmente nas competicións europeas e sempre loitando polos primeiros postos, aínda que Anna é un ano maior, o cal nestas categorías é moi importante. Toth encabeza a lista con 145 puntos, mentres que Aroa é cuarta con 98 puntos. Na segunda posición está a rusa Sofia Serkina (124) e terceira é a británica Eilidh Prise (115).
Este ano a lucense centrará s súa preparación en mellorar a esgrima, porque foi a última modalidade que incorporou e aínda ten moita posibilidade de mellora, sobre todo para acadar unha maior regularidade. A seleccionadora galega Ruth Ballesteros está traballando este aspecto de forma intensiva coa galega e nos próximos meses realizará concentracións cos mellores especialistas do mundo grazas ao mestre de esgrima da Federación Española de Péntatlon Moderno, Endre Kovacks (Bondi), que ten magníficos contactos en Hungría e Rusia o que lle permitirá a Aroa poder aprender das e dos mellores.
E con esta intensiva preparación, Aroa enfrontará competicións importantísimas nun ano espectacular, xa que disputará Europeos, Campionato do Mundo e Xogos Olímpicos da Xuventude, se todo descorre con normalidade. Dentro duns días a galega participará no Campionato do Mundo Xuvenil, aínda que por idade é cadete, que se celebrará en Budapest entre os días 14 e 19 de maio. Posteriormente terá dúas citas continentais: Disputará o Europeo Xuvenil (17-2 de xullo, Suecia) e o cadete (30 xullo-4 agosto, Sant Boi de Llobregat). E para rematar, os Xogos Olímpicos da Xuventude (China, 22-26 agosto).
Os dous últimos anos deportivos de Aroa están a ser espectaculares. Sempre competindo nunha categoría superior á que lle correspondería por idade, a galega segue acadando éxitos e en España ninguén se lle achega nin de lonxe. Así, como campioa de España comezou a enfrontar competicións a nivel Europeo y tampouco aquí decepcionou. No 2013 logrou un fito histórico ao acadar unha medalla de bronce no Europeo cadete e converterse no primeiro/a deportista galego/a que acadou unha medalla europea no péntatlon moderno.
E no 2014 as cousas non poden ir mellor. Ata agora disputou tres copas de Europa: Na de Birmingham logrou a sexta posición (a máis nova das participantes); en Portugal o 12 de abril foi ouro, mentres que na Copa de Europa de Cataluña foi bronce (o 26 de abril).