AROA FREIJE E CARMEN GÓMEZ, AS NOSAS REPRESENTANTES NOS XOGOS OLÍMPICOS DA XUVENTUDE

12 de Agosto de 2014

Aroa Freije (péntatlon moderno) e Carmen Gómez (tríatlon) son aínda unhas nenas, pero a súa traxectoria deportiva está a ser tan rápida que nos próximos días cumprirán un novo  soño: Competir nos Xogos Olímpicos da Xuventude.

Ambas xa partiron en dirección a Nanjing (China) onde se disputarán os Xogos entre os días 16 e 28 de agosto. Será a segunda edición destes Xogos Olímpicos da Xuventude, nos que participarán deportistas de todo o mundo en 30 modalidades deportivas. E a Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno contará con dúas representantes.

20140811_162245Aroa Freije (16/11/98) é a máis nova das dúas galegas, e leva unha tempada case perfecta. Hai só un par de semanas acadou o título de campioa de Europa cadete de péntatlon e a lucense recoñece que “foi unha tempada incrible, moito mellor do que esperaba. Competín moito e había probas ás que chegaba un pouco canda e custábame rendir ao máximo. Ainda así o meu obxectivo era a clasificación para os Xogos da Xuventude e logreino. Os meus obxetivos para o Europeo era intentar repetir o resultado do ano pasado porque sabía que estaba moi caro e non o preparara tanto como para gañalo. Ainda non o creo!”.

Aroa enfronta os Xogos con moita ilusión: “Se todo sae ben, espero estar entre as dez primeiras, pero para iso tería que facer moi boa esgrima. O meu problema é que son moi pequena comparada co resto e teño menos experiencia que outras. Na esgrima é onde máis notas esa diferenza de idade, e por iso cústame máis sacar mellor resultado. Sobre todo nos Xogos vou a dar o mellor de mín e sumar esta gran experiencia como unha máis na miña carreira deportiva”.

A clave estará na esgrima: “A esgrima é unha disciplina que me encanta, pero para perfeccionala fai falla moito tempo e ademais os anos de experiencia nótanse máis ca noutras modalidades. Estou a coller a esgrima con ganas e pouco a pouco vou mellorando e atópome mellor na pista”.

Para Carmen Gómez non ten máis que boas palabras: “Non a coñezo dende hai moito, pero algo que nos amosou a todos é que ten moita calidade e que nunca  se da por vencida. Para min é un exemplo a seguir porque ademais de ser unha gran deportista e aínda mellor persoa”. Destaca dela  “a súa cabeza, pouca xente coñezo como ela, que nunca se rinde e que sempre vai cara adiante custe o que custe. Os seus puntos fortes son todos (risas), non sabería dicir un punto débil dela, non existe! Creo que vai a ser divertido compartir esta gran experiencia con ela”.

Carmen Gómez (09/08/97) tivo unha evolución espectacular en moi pouco tempo, xa que só leva dous anos practicando tríatlon: “Empecei a facer deporte con 3 anos, natación. Pero en tríatlon levo so dous anos, e comecei porque me dixo o meu adestrador de natación que probase e me enganchei”.

Aínda que no 2013 xa logrou grandes retos, esta tempada deu un salto de calidade espectacular: “Esta tempada creo que me saíu redonda, con varios resultados inesperados. O maior cambio que notei entre a tempada pasada e esta foi sen dúbida a bicicleta. Aínda que mellorei nas tres disciplinas, na que máis progresión tiven foi na bici, que para mín era completamente nova, cando comecei no tríatlon”, manifestou a pontevedresa.

Recoñece que a súa modalidade favorita é a  natación, pero asegura que non hai ningunha que lle disguste: “Antes era a bici pero agora se podería dicir que o que menos me gusta é  á hora da competición,  a saída de natación, polos golpes que recibes”. Enfronta os Xogos sen presión: “Sei que será unha grande experiencia, así que espero facelo o mellor posible e dar o mellor de min”, afirmou.

De Aroa destaca o seu talento a pesar da súa xuventude: “Aroa é talentosa e loitadora.  O seu punto forte é a competitividade, e por decir algún punto débil… os nervios e a falta de experiencia.  Aínda lle queda moito camiño!”.

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...