ARREDOR DE 1.500 DEPORTISTAS COMPETIRÁN ESTA FIN DE SEMANA NOS DOUS CAMPIONATOS DE ESPAÑA DE DÚATLON EN BOIRO

22 de Marzo de 2018

A Liga Nacional de Dúatlon dá comezo esta fin de semana en Boiro coa celebración do Campionato de España de Dúatlon por Clubs e o Campionato de España de Dúatlon por Relevos Mixtos. En total, uns 1.500 deportistas nesta localidade galega ao longo de dous días.

Despois do aprazamento polo temporal, o sábado dará comezo o Campionato de España de dúatlon por clubs coa Segunda División masculina desde as 13:00 horas, cos galegos Tríatlon Ferrol, Natación Riveira, Olímpico de Vedra, Arcade Inforhouse e Talleres David Tríatlon Compostela.

A Segunda Feminina comezará ás 14:30 horas e entre os inscritos, tres clubs galegos: Olímpico de Vedra, Arcade Inforhouse e Náutico de Narón.

A Primeira División Feminina (16:00 horas) conta con 14 equipos inscritos, entre os que destacan os dous conxuntos galegos Cidade de Lugo Fluvial e Tri-Penta Terras de Lugo. No caso da  Primeira Masculina o inicio está previsto ás 17:30 horas e cos mesmos clubs galegos (Cidade de Lugo e Tri-Penta). A competición terá o mesmo formato que o primeiro campionato disputado en Boiro en 2016 no que cada duatleta, segundo o seu posto, sumará puntos para o seu club. As distancias son de 5 quilómetros de carreira a pe, 18 de bicicleta e 2,5 de carreira.

A xornada do domingo comezará ás 9:30 horas coa Terceira División feminina e ás 11:00 horas coa masculina, categoría que se decide a unha única xornada. Na categoría masculina buscarán o ascenso á Segunda División os galegos Náutico de Narón, Tríatlon Arteixo, Tríatlon Rías Baixas, NoSportLimit, Natación Cedeira, Mar de Vigo, Artrogal Tri-498, Motobike Galaico e Lamargha Beariz Tríatlon, mentres que na feminina competirán NoSportLimit, Mar de Vigo e Motobike Galaico Pontevedra.

A continuación, a localidade do Barbanza será a sede da estrea do campionato de España de dúatlon por relevos mixtos. A saída darase ás 1:00 horas e as duatletas serán as primeiras en completar un dúatlon de distancia superesprinte (1,5 carreira a pe, 5,3 de bicicleta e 750 metros de carreira) ata darlle o testemuño ao seu segundo compañeiro, ata rematar na meta co cuarto integrante dun equipo que fomenta a igualdade no deporte entre homes e mulleres. En total están inscritos 33 equipos e en representación do dúatlon galego participarán Cidade de Lugo Fluvial, Tri-Penta Terras de Lugo, Tríatlon Ferrol, Olímpico de Vedra, Arcade Inforhouse e Naútico de Narón. Os primeiros títulos deste formato está previsto que se entregan ás 15:00 horas.

 

 

Quizáis che interese…