BRAIS CANOSA E JOSELYN BREA, GAÑADORES DO IV TRÍATLON CONCELLO DE POIO

20 de Xullo de 2014

Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Joselyn Daniela Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe campións do IV Tríatlon Concello de Poio, no que participaron 230 deportistas. Esta proba está incluída no Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada e ademais é clasificatoria para o Campionato Galego 2014.

Na categoría feminina, poucas sorpresas. A venezolana partía como gran favorita, pero encontrouse coa súa compañeira de club, Irene Serrat, que loitou polo triunfo ata o final. Na natación foi mellor a venezolana, pero na bicicleta a viguesa foi a máis rápida e logrou poñerse por diante. Así, todo chegou moi igualado á carreira a pe, na que Brea decidiu ao seu favor. Desta forma, primeira posición para Joselyn Daniela Brea cun tempo de 1:09:19, mentres que Irene Serrat foi segunda (1:09:28) e terceira, Sonia Pariente (Tríatlon Morrazo) cun tempo de 1.11:17.

Na proba masculina, dominio absoluto do Arcade Inforhouse e de Brais Canosa a nivel particular. Brais foi o máis regular, facendo unha proba case impecable. O segmento de natación foi o peor do triatleta galego, que a pesar de ocupar a quinta posición, chegou a un minuto de distancia do primeiro clasificado. Moito para remontar, pero no ciclismo sentiuse moi cómodo e fixo o mellor tempo e recuperou todo o perdido e máis, para poñerse como líder. Na carreira a pe confirmou a súa superioridade e chegou á meta na primeira posición cun tempo de 56:05. Segundo clasificado foi o seu compañeiro de club Alberto Castiñeira (57:16) e terceiro, Sergio García (57:32), tamén do Arcade.

O resto dos resultados do Tríatlon Concello de Poio foron os seguintes:

 

ü  Cadete: Iago Sobreira (Atletismo Porriño).

ü  Júnior: Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) e Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse).

ü  Sub 23: Joselyn Daniela Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Tomás Olavarria (Tri-Penta Terras de Lugo).

ü  Veteranas/os 1: Paloma Herbello (Arcade Inforhouse) e José Luís Torres (Cidade de Lugo Fluvial).

ü  Veteranos 2: Andrés López (Monte Abaixo).

ü  Clubs: A.D. Fogar (feminino) e Arcade Inforhouse (masculino).

O tríatlon de Poio disputouse na modalidade de sprint, con 750 m de natación no mar, con saída dende o Porto do Campelo. A continuación os participantes realizaron 20 quilómetros do segmento de ciclismo e finalizaron coa carreira a pe de 5 quilómetros.

Resultados circuíto. No primeiro tríatlon do circuíto, disputado en Riazor (A Coruña), os gañadores foron Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e José Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo). Na segunda proba, o IV Tríatlon Concello de Arteixo, Nan Oliveras (Tri-Penta Terras de Lugo) e Adriana Barraza (Muralla de Lugo) proclamáronse vencedores, mentres que na terceira, celebrada en Pontevedra, gañaron Roberto Abraham Castellanos e Adriana Barraza (Muralla de Lugo).

 

 

Quizáis che interese…

Abu Dhabi e Quarteira

Abu Dhabi e Quarteira

O venres comezaba unha fin de semana intensa seguindo os triatletas internacionais galegos....