BRONCE PARA SUSANA RODRÍGUEZ, NO MUNDIAL DE PARATRÍATLON

18 de Setembro de 2015

 

Susana Rodríguez Gacio, xunto á súa guía Mayalen Noriega, acadou hoxe en Chicago a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Paratriatlon na categoría PT5 (para deportistas con discapacidade visual). Magnífico resultado para a viguesa, que ten máis preto a praza para os Xogos de Río. Pola súa banda, Camila Alonso logrou entrar no top-20 no Mundial sub 23.

 

Foi unha proba con suspense dende o inicio, porque estivo a punto de converterse en dúatlon por risco dunha tormenta eléctrica. Finalmente, cumpriuse o programa e as deportistas puideron facer o tríatlon sen problemas. Na natación, Susana non se sentiu cómoda e rendeu por debaixo do esperado,  pero cunha magnífica bicicleta acadaron remontar varias posicións. Finalmente, na carreira a pe o dúo Susana-Mayalen confirmou esa terceira posición, por detrás de Katie Kelly (Australia) que foi ouro e Alisson Patrick (Gran Bretaña), que logrou a prata.

 

Con esta medalla Susana acada medio billete para os Xogos Paralímpicos de Río. Agora so hai que confirmalo cunha boa actuación no Europeo.

 

Sub 23. A organización decidiu recortar o percorrido, que pasou a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe). Así con esta novidade saltou á auga a nosa deportista Camila Alonso para enfrontar o Mundial de Tríatlon sub 23. A triatleta o Tríaton Ferrol saíu da auga na 25ª posición (a 47 segundos), e durante a bicicleta estivo liderando o segundo grupo. Logrou que a distancia non aumentase moito e chegou á segunda transición a 1:09 da cabeza de carreira (17º). Trala carreira a pe, Camila Alonso logrou entrar en meta na 18ª posición do Mundial sub 23 de Tríatlon cun tempo de 01:07:15.

 

Mañá, Gómez Noya buscará o quinto título mundial. E o sábado 19 de setembro (00:00, do domingo en Galicia, TVG)  chega o prato forte, a Gran Final na que se decidirá o campión do mundo 2015. Antes do inicio, hai cinco deportistas (Javier Gómez Noya, Mario Mola, Vicent Luis, Richard Murray e Fernando Alarza) aínda con opcións de acadar o título, aínda que Javi Gómez Noya é o que parte con vantaxe para sumar outro título ao seu curriculum. As combinacións son moitísimas, pero o que queda claro é que si o noso deportista logra a terceira posición no podio, non importa o que fagan os demais. Se estivera por detrás (cuarto o máis atrás), entonces sería o momento de facer contas.

 

Mario Mola é o segundo deportista con máis opcións tras Javi, pero necesita gañar e que Javi quede fóra do podio (ten que sacarlle 225 puntos da vantaxe ao galego). Vincent Luis para acadar a segunda posición debe superar a Mola, e para acadar o título mundial ten que gañar e Javi quedar na quinta posición ou máis atrás. Murray e Alarza teñen moi poucas opcións, xa que necesitan carambolas entre varios deportistas, aínda que ambos aspiran a lograr un posto no podio.

 

Ademais, na lista de saída aparece o nome de Jonathan Brownlee, que aínda que non ten opción de gañar o título se pode ser decisivo no caso de meterse no medio entre os deportistas con opcións ao título mundial.Esta proba celebrarase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe), que é a que mellor se lle adapta a Gómez Noya.

Quizáis che interese…