CAMILA ALONSO, CAMPIOA DE ESPAÑA DE DÚATLON EN AVILÉS

8 de Abril de 2018

Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) proclamouse hoxe en Avilés campioa de España de Dúatlon na categoría elite. A vencedora da proba foi Joselyn Brea (venezolana afincada en Pontevedra e con licenza galega do Tri-Penta Terras de Lugo), mentres que a súa irma Edymar foi cuarta. Na categoría masculina, o mellor resultado galego foi a sexta posición de Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial).

Na proba feminina, parecía bastante claro que as irmás Brea ían ser protagonistas e non fallaron. Asumiron o seu papel e mandaron na proba dende os últimos metros, mentres que por detrás Camila Alonso –en lista de espera para poder participar ata o día antes da proba- estaba perfectamente colocada no grupo perseguidor. Neste tramo final da carreira a pe, Edymar non puido manter o altísimo ritmo de Joselyn polo que se quedou na transición e pasou a formar parte do grupo perseguidor, no que estaban Camila Alonso, Sara Loehr, Maria Varo, Claudia Montagut e Noelia Juan. Joselyn xa resultou imparable e fixo tanto a bicicleta coma o último tramo de carreira a pe en solitario para chegar a meta cun tempo de 59:25. Por detrás, Camila foi a máis rápida no último segmento e así chegou na segunda posición e acadou o título de campioa de España (59:41). Edymar foi cuarta da proba e Melina Alonso chegou na 14ª posición.

Na clasificación de clubs elite feminina, o Tri-Penta Terras de Lugo rematou na segunda posición, mentres que o Cidade de Lugo Fluvial foi cuarto clasificado. Hai que recordar que este campionato de España é a terceira proba da Liga Nacional de Clubs de Dúatlon. Na clasificación de clubs sub 23, a terceira posición foi para o Arcade Inforhouse.

Na proba masculina, o mellor resultado dos deportistas galegos foi o de Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial), que rematou na sexta posición). O título foi para Emilio Martín, que ten seis con este, e que logrou superar ao deportista do Cidade de Lugo Fluvial, Antonio Benito, nos metros finais. Ademais, bo papel de valenciano do Cidade, Celestino Fernández (4º).

Dos galegos, o mellor sen dúbida, Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) que rematou na sexta posición cun tempo de 53:07, despois de facer unha proba moi regular. Ademais, Cendán logrou o subcampionato de España na categoría sub 23. Na clasificación de clubs, título para o Cidade de Lugo Fluvial, que suma importantes puntos para a Liga Nacional de Clubs de Dúatlon.

As distancias en elite foron de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

 

Tedes todas as clasificacións no seguinte enlace:

http://triatlon.org/triweb/index.php/competiciones/resultados-2018/

 

 

Quizáis che interese…