CARLA GUISANDE, CAMPIOA DE ESPAÑA CADETE DE DÚATLON E NEREA GARCÍA, PRATA

7 de Abril de 2018

Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial) e Nerea García (Náutico de Narón) foron as grandes protagonistas galegas da primeira xornada do Campionato de España de Dúatlon, que se disputou hoxe en Avilés. Na categoría cadete feminina, Carla Guisande logrou o título de campioa de España cunha magnífica exhibición, mentres que Nerea García Busto logrou a medalla de prata. Ademais, o Náutico de Narón logrou o título de campión de España na categoría cadete feminina.

Carla logrou poñerse en cabeza dende o primeiro segmento de carreira a pe. Pola súa banda, Nerea tiraba do grupo perseguidor tanto na carreira coma na bicicleta, nun grupo formado por catro unidades, ata que logra alcanzar a Carla soa para facer xuntas o último tramo da carreira, na que Carla volveu a ser a máis rápida para así acadar o título de campioa de España cun tempo de 34:42. A segunda posición foi para Nerea García (34:58), mentres que terceira foi Carla Domínguez. Ademais, hai que destacar que o Náutico de Narón acadou a medalla de ouro na clasificación por equipos cadete feminino.

Na proba cadete masculina a medalla estivo moi preto para os galegos. Esteban Basanta (Cidade de Lugo) e Jorge González (Natación Riveira) estiveron no primeiro grupo dende o inicio, pero na segunda transición Jorge González foi claramente prexudicado por dobrados o que lle fixo perder uns segundos moi importantes nunha proba que se decidiu nun pano. Esteban Basanta estivo sempre nas primeiras posicións e loitou pola medalla ata o final, que se lle escapou por so dous segundos (31:15). Así finalmente Basanta foi cuarto e Jorge González, 14º, cun tempo de 31:45.

 Júnior. Tamén a medalla estivo esquiva cos galegos por moi pouco na categoría júnior. Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) estivo a piques de acadar o bronce despois dunha magnífica remontada, pero non puido ser.

No primeiro sector de carreira a pe ía na oitava posición, pero fixo o mellor parcial na bicicleta e así logrou remontar varias posicións para intentar alcanzar o podio na carreira a pe. Faltoulle moi pouco porque rematou na cuarta posición por detrás de Marta Pintanel (ouro), Marina Muñoz (prata) e Ana Guzmán (bronce). Iria rematou cun tempo de 1:05:18, a sete segundos da medalla de bronce. Pola súa banda, Inés Castaño (Arcade Inforhouse), que defendía o título de campioa de España, non estaba nas mellores condicións físicas, xa que levaba uns días con gastroenterite, polo que quedou un pouco descolgada e rematou na décima posición.

Na categoría júnior masculina, non houbo grandes resultados dos deportistas galegos, nunha proba na que o vencedor foi o deportista do Cidade de Lugo Fluvial, Romaric Forques. O mellor galego foi Juan Rejas (Tríatlon Ferrol) na 16ª posición, mentres que o seu compañeiro de club, Iván Puentes foi 21ª.

 Elite. Mañá celebraranse as probas elite/sub 23  e tamén as de paraduatlón. Na categoría elite masculina (12:30 horas) Galicia contará con Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) ou Brais Misa (Atletismo Porriño), entre outros.

A proba feminina comezará ás 10:45 horas cunha inscrición moi alta e e varias duatletas galegas coma Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) ou Carla Castaño (Olímpico de Vedra). Ademais, estarán as irmás Brea do Tri-Penta Terras de Lugo, Joselyn e Edymar, pero elas non poden aspirar ao campionato de España. As distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

 

 

Quizáis che interese…