CAMILA ALONSO, QUINTA NA COPA DE EUROPA DE TRÍATLON DE MELILLA

10 de Abril de 2016

 

Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) logrou unha magnífica quinta posición na Copa de Europa de Triatlón de Melilla, que se celebrou  hoxe 10 de  abril nesta localidade autónoma situada no norte de África. Espectacular resultado para a galega que suma importantes puntos para o ranking mundial.

A proba feminina comezou ás 15:00 horas coa presenza de Camila entre as participantes. A proba quedou definida moi pronto. Trala natación creouse un cuarteto en cabeza, formado por Nargit Vanek, Anna Godoy, Verea Steinhauser e Sara Pérez, que foi aumentando as distancias na bicicleta de forma importante. Así na T2 as catro primeiras tiñan máis de tres minutos sobre o segundo grupo, polo que estaba moi claro que o podio ía decidirse entre elas.

E por detrás, Camila adicouse a remontar, sendo a máis rápida do grupo perseguidor para así alcanzar a quinta posición cun tempo de 02:11:12. O triunfo foi para Margit Vanek (02:05:47), seguida de Anna Godou (02:06:28) e o bronce, para Verea Steinhauser (02:06:55).

Na categoría masculina, Galicia tiña importantes opcións, pero hoxe non foi un bo día para os nosos deportistas. Uxío Abuín, que chegaba nun momento de forma excepcional, tivo que abandonar por problemas mecánicos na bicicleta. E tampouco foi o día de Antonio Serrat, ao que lle pasou de todo. O vigués tamén tivo problemas na bicicleta, xa que se lle baixaba o sillín, e ademais sufriu problemas estomacais que lle impediron correr a bo ritmo. Así, nestas condicións, rematou a proba na 21ª posición cun tempo de 01:56:12.

Desta forma, o primeiro galego foi Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) que rematou na 16ª posición cun tempo de 01:54:59, despois de escalar varias posicións na carreira a pe. Ademais, Martín Carrera (Natación Riveira) foi 32º (01:59:04).

O vencedor da Copa de Europa de Melilla foi Matthew Sharp (Gran Bretaña) cun tempo de 01:51:40; a prata foi para Calum Johnson (GB) a sete segundo. A terceira posición foi para o italiano Massimo De Ponti (01:52:30).

As probas sénior celebráronse sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe) e a natación realizarase no mar Mediterráneo.

 

Quizáis che interese…