CANDEÁN ACOLLERÁ ESTE DOMINGO 9 DE FEBREIRO A CUARTA PROBA DO CIRCUITO GALEGO DE DUATLÓN CROSS

6 de Febreiro de 2014

 O domingo 9 de febreiro (11:00 horas) celebrarase o V Duatlón Cross Mámoa de Candeán, que é a cuarta proba do Circuíto Galego de Duatlón Cross, cun total de 110 deportistas inscritos. O tempo, o mal tempo, pode condicionar o desenvolvemento da proba, aínda que para o domingo se espera unha melloría.

Entre os favoritos para facerse co triunfo podemos destacar a Gustavo Rodríguez (Wild Wolf Cidade de Lugo), Enrique Morán (Atletismo Porriño) ou Marcos Mayo (Monte Abaixo), aínda que tamén tentarán loitar polo podio Miguel Arias e Darío Otero (Team Corbelllo) ou Fabián Ubeira (Motobike). Gustavo logrou o triunfo na única proba do circuíto na que participou (Beariz), mentres que Enrique Morán logrou o triunfo en Maside.

Na categoría feminina, parece claras como favoritos a facerse co triunfo Verónica Montes (Trinity Tríatlon), que gañou dúas probas do circuíto, e Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo), que comezou a semana pasada a súa tempada gañando a primeira proba do circuíto de duatlón de estrada.

Os participantes terán que correr 5,5 quilómetros, facer 20 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 2.750 metros a pe. O circuíto a pe, que descorrerá polas pistas do Parque Forestal do Vixiador, será por terra con firme irregular nalgunhas zonas. O percorrido en bicicleta é duro e exixente con subidas e baixadas moi interesantes. Ademais as copiosas choivas que está a soportar Galicia e Vigo en participar nestas últimas semanas, complicará aínda máis a proba. A organización está pendente das previsión meteorolóxicas para o domingo, onde se espera unha melloría.

O Circuíto Galego de Duatlón Cross está formado por cinco probas: Ribadumia, Beariz, Maside, Candeán e Samieira. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterano (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Ribadumia resultaron vencedores Brais Misa e Verónica Montes, mentres que en Beariz os gañadores foron Gustavo Rodríguez e Aída Valiño. Na terceira proba, disputada en Maside, lograron  triunfo Enrique Morán (Atletismo Porriño) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon).

 

Quizáis che interese…