CARMEN GÓMEZ E UXÍO ABUÍN, BRONCES GALEGOS NA COPA DE EUROPA DE TRÍATLON DE GRAN CANARIA

26 de Marzo de 2017

Magníficos resultados para as e os deportistas galegos na Copa de Europa de Tríatlon de Gran Canaria. Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) lograron subirse ao último chanzo do podio nas súas respectivas probas, mentres que Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) foi quinta. O susto chegou con Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) que caeu no último quilómetro da bici e acabou no hospital con golpes e queimaduras, pero xa con gañas de volver a competir.

Na carreira feminina, a nosa Carmen Gómez deu a alegría máis inesperada. No seu debú na distancia olímpica a galega estivo excepcional durante toda a proba. Saíu moi ben colocada da auga, entre as dez primeiras, e a escasos segundos da líder, mentres que Camila Alonso quedou bastante máis descolgada.

Na bicicleta, gran traballo de Carmen que estaba nun primeiro grupo perseguidor, formado por sete deportistas. As líderes, as británicas Lucy Hall e Jessica Learmonth, xa se marcharan en solitario dende a auga. Pero no grupo de Gómez, as triatletas traballaron duro e lograron recortar distancias e incluso lograron alcanzar a Lucy Hall, que foi perdendo forza.

Así, Learmonth chega soa á T-2, con 37 segundos da vantaxe sobre a primeira triatleta do grupo perseguidor, que chegou moi estirado. Carmen ocupaba a última posición deste grupo, mentres que Camila Alonso ía no segundo grupo (a 2:30 aproximadamente).

O terceiro segmento foi decisivo para Gómez, que estivo a un nivel altísimo, sobre todo nos primeiros 5 quilómetros. A nosa galega foi subindo postos ata alcanzar a medalla de bronce, a 2:46 da vencedora Jessica Learmonth. O segundo posto foi para Lucy Hall e Camila Alonso, que fixo unha magnífica carreira a pe e remontou moitas posicións,  ocupou a quinta posición a só 13 segundos do podio. Pola súa banda, Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) non rematou a proba e Sara Guerrero (Náutico de Narón) finalmente no puido participar por lesión.

Na carreira masculina, outro podio galego, con Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) coma protagonista. E iso que as cousas non comezaron excesivamente ben para o galego, que non se atopou cómodo na natación e saíu da auga moi retrasado. Sen embargo, boa actuación de Antonio Serrat e Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo), entre os mellores trala disputa do primeiro segmento. Andrés Cendán saíu en torno ao vixésimo posto.

Quedaban por diante 40 quilómetros de bicicleta para recuperar o tempo perdido, no caso de Uxío e Cendán; e pegarse aos de diante, no de Antonio e Alberto. E todo foi bastante ben, ao formarse un nutrido grupo cabeceiro de case 40 unidades a falta dúas voltas para a T-2. Pero na última volta de ciclismo, pésimas noticias para Serrat, que non puido evitar un enganchón e rematou co seu corpo na estrada. Bicicleta esnaquizada e moitos golpes e queimaduras, polo que o deportista foi evacuado ao hospital para confirmar que non había nada roto.

Así rematou a carreira para Serrat, mentres que Uxío chegaba vivo e con opcións ao terceiro segmento, no que foi recuperando posicións ata alcanzar un posto no podio. A vitoria foi para Rostislav Pevtsov (Azerbaián) cun tempo de 01:50:42; a segunda posición foi para Adrien Briffod (01:50:59) e Uxío Abuín ocupou a terceira praza do podio cun tempo de 01:51:39. Ademais, Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) entrou no top-20 (19º), Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo) foi 21º e Martín Carrera (Natación Riveira) rematou na 51ª posición.

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...