CARMEN GÓMEZ, NOVENA NOS XOGOS OLÍMPICOS DA XUVENTUDE EN NANJING

17 de Agosto de 2014

Carmen Gómez logrou entrar no top-ten dos Xogos Olímpicos da Xuventude de Nanjing, grazas ao magnífico noveno posto que logrou hoxe na proba que se celebrou no primeiro día de  competición dos Xogos. As primeiras medallas outorgadas en Naijing foron para as triatletas, mentres que a proba masculina de tríatlon terá lugar mañá. Os galegos estaremos pendentes da participación de Aroa Freije en péntatlon moderno os próximos días 22 e 23 de agosto.

Carmen acudía a China moi animada pola magnífica tempada que está a realizar e coa única presión de facer as cousas ben. E iso foi precisamente o que fixo, a pesar de que tivo unha semana previa complicada. A galega non se adoptou ben a China e sufriu unha lipotimia con vómitos.

Aínda así, saíu da auga, tras nadar 750 metros no lago de Xuanwu, na sétima posición a 15 segundos da líder. Chegaba o momento de enfrontar a bicicleta, e Carmen estivo durante boa parte do segmento no grupo cabeceiro. Pero na última volta do ciclismo logrou escaparse en solitario a australiana Brittany Dutton, que foi a gañadora da proba, e o grupo que viña por detrás logrou alcanzar ao de Carmen. Así, saíron a correr xuntas un grupo moi numeroso e con moito por decidir. A pontevedresa chegou a colocarse na quinta posición trala primeira volta, pero na segunda os problemas físicos volveron a aparecer (tiña o estómago moi revolto e acidez) e retrocedeu varias posicións, ata a novena.

A medalla de ouro foi para Brittany Dutton cun tempo de 59:56, mentres que a prata foi para a estadounidense Stephanie Jenks (01:00:33) e o bronce para a francesa Emilie Morier (01:00:55). Carmen Gómez foi novena cun tempo final de 01:02:07.

Trala proba de hoxe, teremos que esperar a actuación de Aroa Freije en Péntatlon Moderno, que comezará o día 22 de agosto.

 

 

 

Quizáis che interese…