Case 250 deportistas (das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete) participarán o domingo 18 de febreiro no II Dúatlon Escolar Concello de Carballo, proba clasificatoria para o Provincial.
O Dúatlon Escolar de Carballo celebrarase no Polígono Industrial de Bértoa a partir das 10:30 horas. As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os 39 deportistas inscritos correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e finalizarán con 250 metros; en alevín –con 86 deportistas- as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil hai 61 duatletas inscritos que realizarán 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete hai 61 participantes que farán 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1 quilómetro de carreira.
O programa consta de varias probas locais ou zonais, nas que se clasifican os 25 mellores por categoría e sexo para as fases provinciais e aquí lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.