CASE 300 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN O DOMINGO 17 DE FEBREIRO NO DÚATLON ESCOLAR CONCELLO DE CARBALLO

15 de Febreiro de 2019

Case 300 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete -pertencentes a 18 clubs- participarán o domingo 17 de febreiro no III Dúatlon Escolar Concello de Carballo, primeira proba clasificatoria para o Provincial.

 O Dúatlon Escolar de Carballo celebrarase no Polígono Industrial de Bértoa a partir das 10:30 horas. A proba con máis participantes será á alevín (nados nos anos 2007 e 2008), que conta con 103 deportistas inscritos, mentres que en benxamín (nados nos anos 2009-10) hai 56.

As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e finalizarán con 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe. En infantil hai 71 duatletas inscritos que realizarán 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete hai 60 participantes que farán 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1 quilómetro de carreira.

O programa divídese por provincias e pode haber varias probas locais ou zonais clasificatorias para a provincial ou directamente fase provincial. Desta forma, na provincia da Coruña disputaranse dúas clasificatorias (Carballo e Santiago) e a fase provincial celebrarse en Fene. Na provincia de Lugo haberá dúas clasificatorias (Lugo e Vilalba) e a fase provincial disputarase en Mondoñedo. En Pontevedra directamente haberá fase provincial e por último, en Ourense haberá unha clasificatoria (Ourense) e a fase provincial terá lugar en Maside.

Nas probas locais ou zonais clasifícanse os 25 mellores por categoría e sexo para as fases provinciais e aquí lograrán o pase ao Galego (que será en Porto do Son) os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.

 

Quizáis che interese…