PRESENTACIÓN EN BOIRO DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR CLUBS E SUBSTITUCIÓNS MIXTAS

14 de Febreiro de 2019

Esta mañá celebrouse no Concello de Boiro a presentación do Campionato de España de Tríatlon por Clubs e Substitucións Mixtas,  que se disputarán nesta fermosa localidade galega os días 22 e 23 de xuño. Esta proba é ademais puntuable para a Liga Nacional de Clubs.
 
No acto de presentación participaron o alcalde de Boiro, Juan José Dieste; o representante da empresa organizadora Lodeco, Miguel Fernández, e o director de competicións da Federación Española de Tríatlon, Jorge García.
 
O máximo mandatario de Boiro destacou a magnífica relación que esta localidade está a ter co mundo do dúatlon (nos tres anos anteriores) e nesta edición co tríatlon: “Imos mollarnos no mar”, así coma a súa influencia cara a promoción do turismo: “Boiro sempre quere estar nunha mellora continua. Ter entre 1.000 e 1.500 deportistas esa fin de semana é algo moi importante para a nosa cidade, e que nos coñezan e que queiran volver nun futuro, como ocorreu en anos anteriores, aínda máis”. Ademais, Dieste insistiu na necesidade de promover o deporte entre as e os máis pequenos, “é unha obriga para nós”.
 
Miguel Fernández destacou o feito de que estas probas son moi espectaculares cara ao espectador, así como o feito de que os percorridos discorrerán pola localidade, “para que sexa máis sinxelo o seguimento por parte do público”.
 
Pola súa parte, Jorge García agradeceu o compromiso do alcalde de Boiro co tríatlon: “Hai xa catro anos aquí naceu unha relación fantástica cun concello implicado co deporte que soubo ver a importancia que ten o noso deporte para o desenvolvemento turístico e deportivo da comarca de Boiro”. Ademais destacou que  a nivel deportivo falamos do campionato máis “querido” polos clubs e ao que é moi difícil acceder, polo que con case total seguridade haberá lista de espera. 
 
O sábado 22 de xuño celebraranse as probas do Campionato de España por clubs, coa 3ª, 2ª e 1ª división e un total de 110 clubs e uns 1.000 participantes. E o domingo 23 será a segunda xornada coa Substitución Mixta, unha proba espectacular que une na competición a homes e mulleres e que se estreará como olímpica nos próximos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020. Cada un dos integrantes do equipo ten que realizar un mini-tríatlon (250 metros de natación, 5 quilómetros de ciclismo e 1,5 de carreira a pe) antes de darlle a quenda ao seu compañeiro ou compañeira. Espéranse en Boiro arredor de 1.500 deportistas nesta fin de semana de deporte e emoción.
 
 
 
 

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....