CASE DOUSCENTOS PARTICIPANTES NO X TRÍATLON DA AMIZADE

16 de Setembro de 2016

O domingo 18 de setembro celebrarase o X Tríatlon da Amizade, que será ademais o Campionato Galego de Tríatlon Cross, nunha proba que se celebra dende hai dez anos entre Galicia e Portugal, coa organización alterna das federacións respectivas, e que tamén inclúe un Tríatlon de Menores. Nos tres últimos anos, Portugal logrou o Trofeo da Amizade, que permaneceu no Concello de Vila Nova de Cerveira exposto durante o ano.

Coma nas edicións anteriores, a inscrición é moi numerosa (preto de 200 deportistas en todas as categorías) e entre os participantes galegos podemos destacar a Silvia Deira (Arcade Inforhouse), Alicia Araújo (Atletismo Porriño) ou Aída García (Olímpico de Vedra) na categoría feminina. Na masculina, Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) ou Alfonso Agraso (Tríatlon O Treito) son algúns dos deportistas inscritos pola Federación Galega.

Ás 11:30 horas (hora galega) terá lugar o X Tríatlon da Amizade  de adultos e Campionato Galego de Tríatlon Cross, mentres que pola tarde (16:00 hora española) será o Tríatlon de Menores para as categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.

A proba de maiores iniciarase na praia de Goián e faranse 750 metros de natación cruzando o río; despois haberá 17,4 quilómetros en bicicleta de montaña polos arredores do Castelo de Lobelhe, e para rematar 5 quilómetros de carreira a pe polo centro urbano de Vila Nova de Cerveira. Ademais da vitoria individual, hai unha por países. Para decidir o país vencedor, súmanse os catro mellores tempos de cada país (2 mellores clasificados masculinos e 2 mellores clasificadas femininas).

Na proba de Menores as distancias son diferentes segundo a categoría. En benxamín (nenos/as nados entre os anos 2006 e 2009) os participantes deberían facer 50 metros de natación, 1 quilómetro de ciclismo e 400 metros de carreira a pe. En alevín (nacidos nos anos 2004 e 05) as distancias son de 100 metros, 2 quilómetros e 800 metros. En infantil (anos 2002-03) os deportistas nadarán 200 metros, farán 4 quilómetros en bicicleta e rematarán con 1 quilómetro de carreira a pe. E por último, os cadetes (99/01) as distancias a realizar son 300 metros de natación, 8 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe.

Resultados 2015. Diego Paz (Arcade Inforhouse) e Rita María Lopes (Amiciclo) proclamáronse campións a nivel individual do IX Tríatlon da Amizade, que se celebrou entre Galicia e Portugal, nesta oportunidade  con final en Goián (Tomiño). O Trofeo da Amizade foi parar a mans de Portugal por terceiro ano consecutivo, trala suma dos tres mellores resultados (dous homes e unha muller). Conxuntamente celebrouse o Campionato Galego de Tríatlon Cross, resultando campións galegos desta especialidade Diego Paz (Arcade) e María Martínez (Atletismo Porriño).

 

 

 

Quizáis che interese…