CIDADE DE LUGO FLUVIAL, CAMPIÓN GALEGO DE TRÍATLON DE RELEVOS MIXTOS EN NIGRÁN

19 de Maio de 2018

O Cidade de Lugo Fluvial –formado por Elsa Pena, Martín Cando, Carla Guisande e Esteban Basanta- proclamouse hoxe en Nigrán campión  galego de Tríatlon de relevos mixtos.

Nun fermoso e caloroso día puidemos gozar desta competición, que é unha das máis emocionantes no tríatlon, con equipos formados por dous homes e dúas mulleres. Cada un de eles realizará un mini-tríatlon (300 metros de natación, 8 quilómetros de ciclismo e 2 quilómetros de carreira a pé) antes de dar a quenda ao seu compañeiro de equipo.

A loita pola primeira posición estivo apertada ata o segundo relevo. Na segunda posta da carreira a pe, entregaron xuntos Cidade e Tri-Penta, pero o Fluvial rompeu a carreira por completo coa terceira posta de Carla Guisande, que logrou abrir as distancias de forma moi clara. Así, Esteban Basanta chegou en solitario a  meta cun tempo final de 1:47:28 e con catro minutos de vantaxe. A prata estivo moi rifada entre Tri-Penta Terras –Irene Marselles, Iago Lorenzo, Edymar Brea e Cristóbal Dios- e Arcade Inforhouse –Carla Castaño, Brais Otero, Inés Castaño e Vicente Pérez-. Todo se tivo que decidir no último relevo, entre Cristóbal Dios e Vicente Pérez, con vitoria final de Cristóbal. Así a prata foi para Tri-Penta Terras de Lugo (1:51:28) e o bronce para o Arcade Inforhouse (1:52:22).

Tríatlon de Menores. A primeira hora da tarde celebrouse I Tríatlon de Menores de Nigrán, cun total de 220 triatletas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.

*Resultados provisionais

Quizáis che interese…