O Cidade de Lugo Fluvial feminino rematou na segunda posición da Liga Nacional de Clubs de Dúatlon, despois da celebración onte en Soria do Campionato de España de Dúatlon por relevos, última xornada da Liga.
No Campionato de España de Dúatlon por relevos os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realiza un pequeno dúatlon (2 quilómetros de carreira a pe, 5,3 quilómetros de bicicleta e 1.000 metros de carreira a pe). Na categoría feminina o Cidade de Lugo Fluvial loitaba polo título na Liga e para iso necesitaba superar ao Diablillos de Rivas, que trala xornada do sábado lograra poñerse en cabeza na clasificación provisional da Liga con tres puntos de vantaxe.
O título de campión de España feminino foi para o Bétera, que se impuso no sprint ao Claverías Móstoles (segundo) e co Diablillos de Rivas, terceiro. O Cidade de Lugo Fluvial -con Sara Alemany, María Rico e Lucía Vergara- chegou na cuarta posición, por detrás do Diablillos, mentres que o Tri-Penta Terras de Lugo era sexto. Ademais, o Náutico de Narón foi noveno e o Arcade Inforhouse, décimo.
No Campionato de España de relevos masculino o vencedor foi o Ferrer Hotels, mentres que outra vez un club galego quedou ás beiras da medalla. O Arcade Inforhouse –con Brais Canosa, Alberto Castiñeira e Ignacio González- foi cuarto clasificado, mentres que o Tri-Penta Terras de Lugo, quinto tras un magnífico relevo de Antonio Serrat, que remontou moitas posicións.