CIDADE DE LUGO FLUVIAL, PRATA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON POR RELEVOS MASCULINO E FEMININO

24 de Abril de 2016

Excepcional papel o desenvolvido polo Cidade de Lugo Fluvial no Campionato de España de Dúatlon por relevos, celebrado no día de hoxe en Soria. O club lucense acadou dúas medallas de prata na elite masculina e feminina, e tamén rematou na segunda posición no Escolar feminino.

Hoxe celebrábase o Campionato de España de Dúatlon por relevos, proba na que os equipos están formados por tres deportistas que fan cada un deles un mini dúatlon. É unha especialidade aínda bastante nova que está a acadar un gran éxito, xa que resulta moi espectacular cara ao público.

E comezou o espectáculo por parte do Cidade de Lugo, con tres pratas. Na proba escolar feminina, xa sumou o primeiro metal do día, ao finalizar na segunda posición por detrás do Tríatlon Cuellar (01:17:33). O tempo do Cidade de Lugo Fluvial foi de 01:19:43, mentres que o Arcade Inforhouse foi sexto (01:22:19). Na proba escolar masculina, non houbo medallas galegas, pero hai que destacar a quinta posición do Tríalon Ferrol e a 7ª do Cidade de Lugo.

Posteriormente celebrouse a proba elite feminina, na que o equipo lucense estivo en cabeza ata o último relevo, no que o Diablillos de Rivas. Así, o primeiro posto foi para o Diablillo de Rivas (01:12:53) e a prata correspondeulle ao Cidade de Lugo Fluvial (01:13:45).

E rematamos coa proba elite masculina, na que o duelo entre o Cidade de Lugo e o Ferrer Hotels -M3t foi espectacular. O equipo galego liderou a carreira case ata o remate, no que se igualaron as forzas e o equipo mallorquino logrou impoñerse nun emocionante final e por escasos segundos.  Ferrer Hotels -M3t acadou o título de campión de España de dúatlon por relevos cun tempo de 01:02:41, e a prata foi para o Cidade de Lugo a só tres segundos de distancia.

Quizáis che interese…