COMEZA EN PONTEVEDRA A FESTA DO TRÍATLON ESPAÑOL CON GÓMEZ NOYA COMO GRAN ESTRELA

19 de Xuño de 2015

O Campionato de España de Tríatlon Sprint (categorías cadete, júnior, grupos de idade, sub 23 e elite) celebrarase mañá, nunha xornada maratoniana na que haberá probas dende primeira hora da mañá e coa participación de case 1.000 deportistas. Iso si, o gran protagonista, será o catro veces campión do mundo, o galego Javier Gómez Noya, que fixo un parón na súa preparación para poder competir en casa e ante o seu público.

 

As probas elite serán as últimas en celebrarse. As chicas competirán ás 18:30 horas, con Paula García Godino (actual campioa de España de tríatlon sprint),  Sara Bonilla, Francisca Tous ou Anna Godoy como principais favoritas, nunha proba que se presenta bastante aberta. Entre as galegas, Melina Alonso tentará facer un bo papel na casa en un circuito máis que coñecido para ela.

 

E a partir das 20:00 horas, chega o momento da competición elite masculina, na que un nome sobresae por riba de todos: Javier Gómez Noya. O galego adestrará pola mañá, polo que non se atopará excesivamente fresco, pero aínda así debería ser moi superior ao resto, senón ten algún problema físico. No pontón de saída haberá importantes deportistas coma Nan Oliveras (campión no 2014), David Castro, Emilio Aguayo ou o vigués Antonio Serrat, que está a facer unha tempada excepcional.

 

 

Distancias sénior: 750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe.

Horario: 18:30 horas (feminina) e 20:00 (masculina).
O día do tríatlon comezará ás 10:00 horas coa disputa da proba júnior masculina. Ignacio González ten credenciais para ser o favorito. Está a facer unha gran tempada e na carreira a pe ten marcas que decantaría a proba ao seu favor no caso de chegar nun grupo. Os galegos Alberto Castiñeira e Carlos Brion (CGTD)  esperan poder meterse no grupo dianteiro e chegar en boas condicións ao último segmento. Outro galego, Andres Cendán, xunto a Héctor Arevalo, Carlos Galisteo, Placido Benegas, Iván Gil ou Mauricio Jiménez poden ser outros aspirantes ao top-10.

 

En feminino (10:05 horas) Carmen Gómez (CGTD) e Cecilia Santamaría foron as dominadoras da categoría durante todo o ano. Ambas as dúas chegan en pleno proceso de recuperación de senllas lesións nos pés, con menos carreira a pé da que nos teñen afeitos. Inés Santiago (CGTD), nun bo estado de forma, é sempre un seguro de vida e fixo que estará entre as aspìrantes ao título. Por detrás, pelexando por postos de top-8, as deportistas do CGTD Sara Guerrero e Paula Herrero, xunto con Lucía Vergara, Raquel Mateos ou Meritxel Velasco, tentarán traballar para que a flamante subcampioa de Europa de duatlon júnior, Claudia Luna, non se escape en solitario.

 

Distancias júnior: 750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe.

Horario: 10:00 horas (masculina) e 10:05 (feminina).

 

Cadete: Na categoría masculina, o gran favorito é Alberto González (o pasado ano participou na Olimpiada da Xuventude e este ano fixo podio na Copa de Europa de Melilla). Ademais hai que destacar a un grupo de deportistas coma Javier Lluch, Jesús del Val,  Romaric Forqués, Javier Romo…. e no que pode estar incluído Marcos Ruíz (CGTD). E sen esquecer aos galegos Víctor Souto (CGTD) e Alejandro Pardo, que tentarán estar entre os destacados. Este ano houbo limitación na participación a douscentos deportistas, xa que o pasado había case 300. Desta forma, este ano os inscritos son 174.

 

Na categoría feminina, a gran favorita é Ana Carvajal. Enfronte estarán  Lucía Salafranca, Sharon García e Iria Rodríguez, se consegue manter roda no segmento de ciclismo. Por outro lado, as deportistas do CGTD Raquel Ruiz e Rebeca Carnota tentarán pelexar por aspirar a un top-15. Total de deportistas inscritas: 93

 

Distancias cadetes: 750 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

Horario: 11:00 horas (masculina) e 11:45 (feminina).

 

E a primeira hora da tarde chegará o momento dos grupos de idade, con 276 deportistas inscritos nas probas masculinas e con 97 nas femininas. As distancias son de 750, 20 de ciclismo e 5 de carreira a pe. A primeira saída darase ás 15:40 horas.

Quizáis che interese…